Opinión

Xela Arias a dez marzos de distancia

Lembro saber de Xela moito antes de coñecela. Mentres escribo, vólveme a imaxe dela de mañá cedo na cafetaría que estaba ao pé da miña casa. Mirábaa e vía unha muller feita a si mesma, independente, decidida.

Lembro saber de Xela moito antes de coñecela. Mentres escribo, vólveme a imaxe dela de mañá cedo na cafetaría que estaba ao pé da miña casa. Mirábaa e vía unha muller feita a si mesma, independente, decidida. Sabía que era escritora e había en min unha certa admiración polo lugar que ía ocupando. Así que cando a vin entre o público naquel recital que demos en facer catro amigos do Colexio Universitario de Vigo no ano 1987 sentín unha certa satisfacción. 

"Xela procurou a esencialidade do verso e puxo a lingua ao seu servizo".

Os oitenta eran un fervedoiro, revistas, actos, poesía, deseño, e nós sempre dispostas a unha nova intervención. Xela participou activamente naquel tempo que era o seu tempo, publicou os seus poemas nos fanzines Katarsis e Tintimán, e participou tamén en Dorna, A festa da palabra silenciada, Luzes, etc., sempre cunha voz propia que a singularizou até o extremo de non poder contela nos lindes do que demos en chamar Promoción dos 80, malia pertencer a ela por idade. 

Como escribín no seu día: Xela procurou a esencialidade do verso e puxo a lingua ao seu servizo. Ela mesma dixo que a escrita é indagación e tamén unha forma de cuestionar o mundo, que unha escrita compracente e laudatoria non ten sentido, si a esculca e o coñecemento, a necesidade de enfrontármonos unha e outra vez coa nosa realidade. E para isto Xela precisaba desartellar a linguaxe, descompola e recompola nun esforzo de indagación e tensión poética. A vida foi o acio que o alambique destilou para deixarnos os versos, tan só o pretexto para chegar á esencia. Escribiu co corazón e coa man tendida todas as palabras que lle ditou o momento en que vivía, só faltou o futuro, porque o futuro é o único que non podemos escribir. 

"Tocoume compartir con Xela dous momentos que valoro como fundamentais: a contestación da Cultura Galega á catástrofe do Prestige e a publicación do seu derradeiro libro, Intempériome"

Tocoume compartir con Xela dous momentos que valoro como fundamentais: a contestación da Cultura Galega á catástrofe do Prestige e a publicación do seu derradeiro libro, Intempériome, un momento que concitou a atención da crítica galega, pois Espiral Maior apostou pola publicación deste libro de Xela canda outras tres autoras, dando case unha mostra interxeracional da poesía escrita polas mulleres galegas. Saían á luz libros de Carme Kruckenberg, Xela Arias, Antía Otero e eu mesma, case catro xeracións, no caso de que a crítica manteña a división entre as poéticas dos oitenta e os noventa. Mais unha mesma pulsión, a palabra das mulleres transcendendo as diferenzas xeracionais e dando voz ás invisíbeis, anónimas, dominadas, en definitiva, ás mulleres. Miguel Anxo Fernán Vello deu á luz, intencionadamente, catro obras que mostraban a puxanza da poesía en lingua galega, e a importancia do espazo que as voces femininas ían acadando, circunstancia esta últimas que foi salientada polas recensións de entón.

Foi así como coñecín a unha muller coa que compartía obxectivos e puntos de vista. E que, en tan breve tempo abriu unha porta á amizade que se pechou bruscamente un día de novembro, deixando un oco inmenso e irreparábel.

Este martes día 11, dez marzos despois da súa ausencia, no mesmo mes en que ela cumpriría 52 anos, a AELG organiza unha homenaxe que se sintetiza no verso: Á procura dos trazos que nos describan, a mellor maneira de resumir non só esta homenaxe, senón o propio cometido da AELG, deseñarnos, trazar o mapa da literatura de nos e facelo coa palabra das autoras e os autores que constrúen na nosa lingua o itinerario do seu futuro. 

Xela, estará na nosa palabra, nos seus propios versos, na nosa memoria, coa mesma intensidade que deixou impresa no papel.

Á procura de trazos que nos describan
Homenaxe a Xela Arias
IES Álvaro Cunqueiro, r/ O Porriño s/n, Vigo
11 de marzo de 2014, 19:00 horas

Marta Dacosta, 9 de marzo de 2014

Comentarios