Opinión

O rodete e a discriminación

O PP acaba de pasar o rodete da maioría absoluta para impedir a comparecencia do presidente da Xunta co obxecto de esclarecer outra das trapalladas que está traendo de cabeza aos pacientes anónimos en que acaban repercutindo os recortes e a sobrecarga de traballo do persoal sanitario. Vaia democracia. Xa o dicía un alto cargo da Xunta, nós gañamos as eleccións, como quen invoca unha bula que elimina toda rendición de contas e permite as imposicións ditatoriais.

Néganse a dar conta do que sucedeu co certificado de vacinación, unha medida que en si mesma era discriminatoria, mesmo se pretendía ser unha forma indirecta de inducir a pór a vacina, porque, cando a inmunización é por idade, hai persoas que están sen vacinar por decisión da propia administración e non por decisión persoal. Ademais, ter a pauta completa da vacina non é garantía de que non se padeza ou contaxie a enfermidade. De que serviría logo?

Agora está suspendido. Mais aquelas persoas que queiran irse facendo con el, por se alguén llo requirir (poñamos no seu posto de traballo), non sempre o conseguen. E é que os protocolos, levados ao extremo, convértense en veleno burocrático que dá lugar a medidas sanitarias de seguridade non demostrada.

Hoxe por hoxe, hai persoas que, malia ter pasado a enfermidade, non van recibir certificado, motivo? Que o seu diagnóstico foi realizado por unha proba de antíxenos. Si. Por puro protocolo néganche a certificación do feito incontestábel de ter superado a COVID. E se teimas en reclamar o que consideras que che corresponde, a solución é ...  mudar o protocolo, e dicirche que non tes que agardar seis meses para te vacinar, ou mesmo que tes que poñer as dúas doses.

Neste punto, decátaste de que estás no medio do trebón e sen saída, con recomendacións sanitarias que se contradín, sen probas que as avalen e ti, sentíndote discriminado, porque non tomaches ningunha decisión, senón que seguiches as instrucións que che deron. E aínda así, non recibes o mesmo trato.

Comentarios