Opinión

Burocracia machista

A burocracia consome parte das nosas vidas. Vainos enleando e acaba por dobregarnos. Desde sempre. Mais no presente aínda máis, aínda ocupa máis o noso tempo.

Como noutras esferas da vida, foise automatizando, prescindindo de persoal que asesorase, eliminando a comprensión e a solidariedade que tantas veces axudaron a salvar procesos. É outra estratexia máis de mecanización. Agora con infinitas posibilidades de control sobre as persoas. Cada vez dependemos máis de chaves ou documentos electrónicos que non só deshumanizan o proceso, senón que permiten un control exhaustivo das nosas accións, localizados como podemos ser a través de programas informáticos.

Parece que o fan para facilitar os trámites. Mais a realidade é que acabamos presas da cobertura de internet, do bo funcionamento dos programas e botamos horas e horas razoando cunha sucesión de ceros e uns que non aceptan matices nin preguntas.

E xa o ramo é que sirva para perpetuar a desigualdade das mulleres e a nosa invisibilización. Como cos bancos. Por defecto o titular da conta é o home. Daquela comunícanche que como o señor non ten nómina perdes os privilexios asociados na conta. Naturalmente preséntaste na oficina e preguntas por que é o home o primeiro titular e non ti, que segues tendo a nómina domiciliada. Recúan, si, máis non sen antes mostrarlle ti as ducias de serpes que como Medusa tes por cabelos. E logo chamarannos histéricas, como ensinou Freud.

Pero hai casos peores, claro, casos en que a burocracia se alía coa violencia. Algo tan sinxelo coma un recibo da contribución que só vén ao nome do home cando a propiedade está compartida. Que en pleno litixio de separación de bens segue ostentando o nome de quen maltratou, sen que o da súa vítima poida figurar tamén. De mudalo, xa non falamos, el tería que dar o seu consentimento, algo que non fará, utilizando un imposto para manter a súa opresión. De verdade que ten que ser así?

Mentres sexa, teremos que dicir que é unha burocracia machista.

Comentarios