Opinión

Tema central

Estes días asistín a dous actos literarios en que a lingua e o seu futuro acabou sendo tema central. Tanto no encontro literario con Emma Pedreira ao redor do seu Os libros que hai en min, coma na presentación de O bosque do Duque de Fran Fernández Davila, acabamos falando do idioma e de como vencer a substitución lingüística que avanza. Os dous libros non teñen que ver entre si, nun caso falamos dun ensaio sobre a lectura, desde un punto de vista autobiográfico, no outro dunha novela de aventuras protagonizada por unha descendente de galegas en Holanda. 

Podería ser que a resposta a esta coincidencia estivese no público asistente, mais as coincidencias entre os dous actos eran mínimas e as intervencións de persoas diferentes.

Talvez, de maneira non premeditada, nin planificada, esteamos a actuar de acordo coa recomendación que Pilar García Negro nos deixaba na entrevista que Iago Aballe lle facía para o seu caderno dixital 'Mens crítica e pensadora', que el mesmo nos lembrou na súa intervención. Ante a pregunta sobre o futuro da lingua, a investigadora respondía que cumpría que "...no presente e no futuro, que a minoría que practicamos o galego oralmente e por escrito, en calquera ámbito, para todas as funcións, en calquera lugar do país, con todos os interlocutores... o sigamos facendo, na intelixencia de ser, o da lingua, TEMA CENTRAL do noso ser colectivo, nacional, identificador máximo de nós como pobo distinto e específico".

E así debe ser, central, pois somos nós quen imos situar a lingua no lugar que lle corresponde. Algo que volvemos ter presente estes días en que non sabemos moi ben se temos presidente da Xunta ou non, en que ficamos sorprendidas de que se poida ser presidente de Galiza e líder da oposición no Estado a un tempo. En que non esquecemos como este señor loitou contra a lingua no plano legal e no do uso. Como a degradaba coas súas incorreccións clamorosas e reiteradas, para logo facela desaparecer baixo un bi(tri)lingüismo calculado. 

Comentarios