Opinión

O tecido asocitativo, vítima do COVID-19

Nesta semana cruzan as redes cancelos como #NonNosCanceles ou #ApagónCultural, en referencia ás persoas que traballan na cultura e que se ven nunha situación complicada, primeiro pola non realización das actividades comprometidas e/ou contratadas, segundo porque intúen con preocupación que o futuro non vai ser moito mellor, pois a crise económica que se está xestando, unha crise que xa hai voces que cualifican como peor cá de 2008, vai comprometer orzamentos ou modificalos e nese cambio, coma sempre, sairá perdendo a cultura. E non só. Todo o tecido asociativo, cultural, naturalista, ecoloxista, artesán... todo.

Xa sabemos que un dos síntomas do COVID-19 é a dificultade respiratoria. A sensación de afogo. Afogo como o que senten agora mesmo todas as asociacións. Están infectadas, é unha realidade que non precisa de proba diagnóstica, está á vista.

Entre os diversos problemas que se van dar está o do mantemento das estruturas, especialmente locais e traballadoras e traballadores. Poucas entidades hai que poidan ser autónomas economicamente, maioritariamente precisan de convenios e subvencións para desenvolver unha actividade necesaria. Demandada pola sociedade. Ou que mesmo é un verdadeiro servizo que a Administración debería ofrecer, mais que descarga en raquíticos convenios pagados con atraso.

Alguén imaxina que se poidan facer unhas xornadas se non hai unha traballadora que faga chamadas telefónicas, envíe correos, redacte o programa, busque local, elabore o orzamento... e, sobre todo, ordene facturas, prepare xustificacións, realice os trámites administrativos e atenda as auditorías que sempre acaban caendo? Todo iso son horas de traballo. Un traballo que moitas veces as administracións, a través das intervencións, se negan a pagar. É extenuante a relación coas intervencións, cada ano que pasa buscan novas escusas para tentar reducir o pago de convenios e subvencións, até o punto de obviar a lexislación que regula impostos como o IRPF ou os conceptos que integran o salario dos traballadores. Puro surrealismo.

Á ausencia de autonomía económica vai ser maior no futuro inmediato. Ou van poder as persoas asociadas facer fronte ás cotas que se lles envían anualmente? Posibelmente unha parte delas non, o que vai significar que as entidades perdan unha parte dos seus ingresos propios. Máis afogo.

Urxen respiradores para as entidades asociativas, políticas que garantan a súa sobrevivencia. Mais, mentres isto non chega, hai medidas que xa se deberían estar adoptando. É inaceptábel que, a día de hoxe e nesta situación, haxa entidades que se parapetan na fiscalización das intervencións para enlentecer os pagos debidos, como un pé que nos esmaga. Hai xeitos de fiscalizar sen afogar, como por exemplo fraccionar os pagos deixando unha porcentaxe, a menor, para o momento en que finalice a intervención por se cómpre facer algunha regularización. Cúmprese a lei e ninguén morre afogado, a non ser que, en realidade, si se pretenda afogar o tecido cultural.

A crise de 2008 quixo varrer os dereitos da clase traballadora. Estaremos agora ante a liquidación do tecido cultural e, por tanto, do pensamento crítico?

Comentarios