sábado 25/09/21

Somos un rabaño

Non sei se me sentir coma unha ovella. O que si teño claro é que hai quen pretende que o sexa, unha ovella que se deixa levar canda o resto do rabaño por un pastor omnisciente que me sinala a dirección do movemento e do pensamento.

E é que, neste mundo en que cambiar as etiquetas parece prioritario, chámame moito a atención a última expresión de moda: inmunidade de rabaño. Non deixo de lle dar voltas a por que non se usa neste caso o adxectivo “gregario”, que é a palabra axeitada, polo seu significado e polo rexistro, máis ben formal, que se entende usamos cando falamos de vacinacións e inmunidade. Mais non din gregaria, din de rabaño. Por que? Acaso pensan que xa non entendemos a palabra gregario? Ou o empobrecemento léxico atinxe mesmo a quen debe e pode manter a riqueza das palabras e a adecuación do seu uso?

A verdade é que o que realmente penso é que os traizoou o subconsciente. Que no proceso de etiquetaxe da situación, alguén consagrou o termo porque é como a un rabaño de ovellas como queren tratarnos. Atendamos se non aos faladoiros que analizan para nós, seres inferiores e incapaces, o que acontece na vida social e política.

Por exemplo a Radio Galega, a reunión de opinadores da mañá. Decátense, primeiro, da nosa pobreza, temos que ir buscar a Madrid editorialistas que abran a conversa, porque se en Galiza houbese medios e xornalistas, xa non habería que chamar aos da Meseta, pero como non hai, pois póñennos esoutros señores que, ademais, mesmo algún deles fala español, é galego de nacemento, si, mais pobre, leva tanto en Madrid, que non sabe o que é un angazo. A cuestión é que o fan moi ben e, sobre todo, sen grandes diverxencias, dá gusto escoitar como repiten máis ou menos o mesmo sen grandes distensións. Non coma noutros sitios, que a xente discute, berra e se leva a contraria. Canto pensan en nós. Coma a un rabaño lennos o catecismo para que comunguemos e levemos aos outros a palabra dos medios.

Mais eu, eu e moitos outros non somos ovellas.

comentarios