Opinión

Soidade

...como unha labazada
a humidade do río empapa as túas roupas...

O poema fala de Ofelia, que parece tan fermosa no cadro de Millais. Mais aboia no río morta. É a imaxe das mulleres maltratadas. Porén a sociedade só contempla un cadro. Hai unha maioría que mira a violencia desde lonxe, até que un día o sangue pasa pola porta da casa. Tócaos a náusea e non poden deixar de falar dela, do seu asasinato, dos seus fillos. Mais reparan na realidade?

Nun lugar en que case todos nos coñecemos, sempre haberá quen pensa que ten información de primeira man e as linguas bótanse a pacer. E no medio, as dos que pretenden defender o indefendíbel. Sei que, entre os que falan, haberá persoas que queren ser ben intencionadas e falan do que cren ver ou do que o maltratador contou. Porque hai moitas claves da violencia que aínda non están suficientemente socializadas e son demasiadas as persoas que permanecen cegas aos sinais.

As maltratadas desaparecen da vista da xente. A veciñanza soamente mantén contacto co seu maltratador. Ese foi o primeiro paso, illar a súa vítima e mantela apartada de todos, impedindo que poida recibir calquera axuda. Mentres el debuxa para quen o escoita unha realidade deformada en que a muller é un ser desprezábel que lle amarga a vida.
A muller sofre, mais claudica, porque é dependente economicamente (cantos maltratadores obrigan as súas mulleres a abandonar so seus traballos?). Ela e os seus fillos, polos que daría a vida, pensando, erradamente, que o mellor que pode facer por eles é aturar o inaturábel.

Ante a violencia non hai neutralidade. Só cabe colocarse do lado da afectada, defendela, non deixarse levar polos argumentos falaces que rodan como bólas de neve. A vítima ten unha lousa demasiado pesada enriba de si e cómpren mans que turren dela. A súa dependencia fará que mesmo rexeiten a nosa axuda, mais debemos insistir. Non podemos deixalas soas, como Soledad quedou.

Metamos a man no río para tiralas del, antes de que a auga vire da cor do sangue.

Comentarios