Opinión

Sen fronteiras

Non damos falado doutra cousa. O xoves á noite era unha arroiada de mensaxes nas redes sociais. Os grupos fervían. Culturais, sindicais, laborais, fose cal for o motivo que levara á creación do grupo, o tema eran elas. A súa forza, a súa calidade, esa exhibición de orgullo e de talento. De dignidade.

A xente andaba desvelada e precipitouse por unha montaña rusa de emocións: a inquietude da agarda, a satisfacción do feito, o cabreo monumental contra o xurado, o agradecemento ao público. Un público como o presente na gala que, entre os seus apupos e berros, traduciu dereitamente os sentimentos nosos. Ficamos abraiadas e abraiados cando vimos a distribución da puntuación que, por outro lado, se produciu dun xeito ao que non nos teñen afeitos este tipo de realities.

Acababa de producirse un abismo que provocou ríos de tinta e rescatou da memoria momentos similares doutras galas. Segundo recolleron algúns medios, a palabra 'tongo' fíxose trendic topic no Estado. Conforme avanzaban as horas e repasabamos as actuacións e liamos outras letras vocalmente inentendíbeis, o abismo medraba máis.

E aínda así, as galegas seguiron a se facer grandes nas súas intervencións, falando da honra para a lingua, das antergas, falando de identidade, agradecendo os apoios, emocionándose.

Coma elas, nós tamén sentimos que gañamos, porque exhibiron toda a forza da nosa cultura, demostraron a alta calidade da música galega nacida da nosa tradición e afianzada no traballo, na investigación e na innovación de solistas e grupos aos que lles sobra calidade para triunfar en calquera lugar do planeta.

Este sábado saberemos se o mundo da televisión, escenificado no Benidorm Fest, acepta a mensaxe da nosa canción. O público, dentro ou fóra do Estado, xa o fixo. Ao sur dos Pireneos, desde Girona a Huelva e de Granada á Coruña, colocou Terra como preferida, a unha distancia de máis de doce puntos da seguinte canción.

Digan o que nos digan algúns, para nós, para este pobo, nunca houbo fronteiras.

Comentarios