Opinión

Contra a selectividade. Imaxinación e solidariedade

“...toda ação cultural é sempre uma forma sistematizada e deliberada de ação que incide sobre a estrutura social, ora no sentido de mantê-la como está, ora no de transformá-la” (Paulo Freire)

Hoxe, cando abres unha web dedicada á docencia, podes atopar afirmacións tales como que "aprender non consiste en aprobar exames".

E é así. Sabemos perfectamente que é así, a aprendizaxe é outra cousa.

Atender, participar, axudar, colaborar, ser solidaria, responsábel, organizarse, comprometerse, ter vontade de mellorar ou aproveitar os recursos que o profesorado pon ao seu alcance son termos que dan conta perfectamente do que debe ser proceso de aprendizaxe (termos que todas e todos comprendemos facilmente e que eu prefiro a outros como "liderazgo, emprendemento ou perfil de aprendiz" cos que nos manda traballar a actual lexislación). Mais, o proceso de aprendizaxe que acabamos de describir non é avaliábel a través dos exames.

Todo isto vén a conto da nova "selectividade" ou, como lle chaman agora, ABAU (Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade). Cambia o nome, mais continúa a ser a mesma proba que só serve para colocar un filtro e un impedimento que faga aceptábel a desigualdade evidente de que non hai prazas para todos na Universidade (ausencia de recursos destinados ao ensino) e, o que é peor, mantén intacto o prexuízo de que non todas as persoas poden e deben acceder ao ensino superior. Ou acaso dous anos de bacharelato non foron suficientes para demostrar a vontade e os coñecementos do alumnado? Claro que si, mais iso colocaría ás portas das facultades un número de estudantes que o sistema non está disposto a tolerar.

Todas as persoas que accedemos á universidade tivemos esta experiencia. Moitas lembramos o esgotamento dunha xornada chea de probas (xusto o que procuramos evitar co noso alumnado) en que a media tarde xa daba igual como saíse o derradeiro exame 

O caso é que este ano hai un rebumbio interesante pois as propias probas non superaron a avaliación inicial e puxeron en evidencia as súas debilidades. A súa inadecuación. Sen entrar agora no antigalego, falso, oportunista, reiterado e reaccionario debate co que algúns pretenden distraernos da realidade.

A ABAU ou a selectividade non serven para medir canta imaxinación e capacidade creativa ten unha persoa, non nos mostran como supera as dificultades que atopa, non permiten saber se sabe traballar dentro dun grupo de maneira solidaria e altruísta (eses equipos de investigación tan necesarios). Imaxinación e solidariedade, dúas ferramentas imprescindíbeis, non só para quen estuda, e que non son debidamente potenciadas, nin avaliadas e que, talvez, penso eu, son dúas das capacidades máis importantes do ser humano, tamén no ensino, tamén entre o profesorado.

Todas as persoas que accedemos á universidade tivemos esta experiencia. Moitas lembramos o esgotamento dunha xornada chea de probas (xusto o que procuramos evitar co noso alumnado) en que a media tarde xa daba igual como saíse o derradeiro exame e podemos comprobar na tarxeta das notas como as cualificacións ían descendendo, ou sexa, que conforme acumulabamos probas decrecía a nota media que iamos acadar. Lembramos tamén a imposibilidade de estudar máis materia da que xa nos fora embutida previamente durante o curso, obrigándonos a facer probas e probas das selectividades anteriores. Ou a procura de tácticas de todo tipo, as famosas "chuletas" que tiñan nos dicionarios de latín e calculadoras o seu hábitat natural. E sobre todo, como nalgúns centros educativos realiza(ba)n unha preselectividade encuberta que consistía en que só aprobaba o curso o alumnado que demostraba a capacidade de poder superar a selectividade, que se era en por si suficiente motivo de cabreo, agradábase ao saber que o alumnado dos centros privados viña coas notas de bacharelato infladas para superar as probas (e isto non é suposición nin retórica, é o resultado dunha discusión cun alumno da privada na mesma semana en que tiñamos a selectividade, discusión en que el xustificou o inflado de notas en base a unha pretendida "persecución" do alumnado dos centros privados. O que hai que oír).

Finalmente, ponse a proba a resistencia ao cansazo, a capacidade para xestionar a tensión, a memoria e, sobre todo, a competitividade, a carreira pola mellor nota nunha proba antideportiva en que o importante non é participar, senón pasar por diante e conseguir praza nunha desas facultades que ocultan baixo o eufemismo dos "números clausus" que nin hai inversión, nin igualdade de oportunidades. É dicir, nin sequera serve para avaliar os coñecementos teóricos dos aspirantes a universitarios, pois entran en xogo factores que diminúen a capacidade de demostración. Non serve para nada, falando claro.

Que nos obriguen a facer as probas non quere dicir que comunguemos con elas.

Cómpre dicir o que son, un obstáculo para dificultar o acceso á Universidade. Unha ferramenta para manter un sistema desigual e competitivo que ensina o estudantado a ser insolidario e tolerante coas desigualdade. Unha ferramenta sistémica ideada para manternos alienados.

E sobre todo cómpre manifestar publicamente o noso desacordo e dicir alto e sempre que a selectividade, a ABAU ou como lle queiran chamar no futuro debe ser suprimida. Porque se cremos na igualdade de oportunidades e acreditamos na pedagoxía estas probas deben ser eliminadas para sempre.

Comentarios