Opinión

Secar as fontes

O refraneiro é un arquivo da memoria baseado na observación, así que cando sentimos aquilo de "setembro, ou seca as fontes, ou leva as pontes", concluímos que o mes que vai vir pode ser de seca extrema ou excesiva pluviosidade. De feito, nestes días en que non se fala doutra cousa que da seca (e aquí tería cabida "Vale máis nubrado de agosto que sol de setembro"), todos poñemos mente nel. Eu aprendín o refrán nalgunha xuntanza veciñal, na contorna rural en que agora vivo, un deses lugares en que a auga é tarefa colectiva e non empresarial, onde os mananciais están no monte que nos rodea e a existencia de limpafontes acredita a boa calidade da auga. Neste lares, o límite aos usos da auga é o habitual na época estival. Para alén de que a auga da traída só pode ser utilizada para usos domésticos (nin agrícolas nin de lecer), autolimitamos o uso diario no verán, até que pasa setembro e a chuvia regresa (cando regresa, que ultimamente...).

Se a todo isto lle unimos o feito de que no rural un dos temas de maior debate é o regadío e que para dar de beber ás leiras habilitáronse desde non se sabe cando presas, regos e quendas, comprobaremos que o aproveitamento racional da auga é unha preocupación histórica do noso pobo.

É máis. Admirámonos do valor patrimonial dos muíños, nomeadamente dos que, como no Folón, están colocados de maneira que a auga que sae dun se aproveita noutro. É singular, claro que si, mais é frecuente este xeito de edificar os muíños, outra proba máis da preocupación pola xestión da auga.

Se desde que os animais falaban o pobo foi responsábel do mantemento desta riqueza, en que momento perdemos o respecto aos antepasados e nos consideramos o embigo do mundo, ignorando as súas ensinanzas? Por que hai quen pensa que o cambio climático está relacionado coa deforestación da Amazonia e non cos seus propios gustos megalómanos que o levan a substituír árbores por formigón?

Somos cada un de nós os que cambiamos o clima, cos nosos actos. Tamén o de votar.

Comentarios