Opinión

Saúde e lingua

Procurando materiais para animar ao uso do noso idioma, dei co vídeo de Miguel López, médico de familia (El Salto TV). Sempre o uso, paréceme valiosísimo. Este logroñés demostra non só que o galego é útil e que calquera que teña vontade pode falalo, senón que mesmo nos di que cómpre falar no mesmo idioma có doente para atendelo como é debido.

Outras declaración imprescindíbeis son as de Ángel Carracedo (#LGx15, Cotenol), a eminencia científica que, despois de mostrar a naturalidade da súa relación co galego, manifesta que, cando comprobou que na facultade de medicina non se impartía docencia en galego, mudou os seus usos, para que, cando menos a súa materia, si estivese no noso idioma.

Unha alenta con satisfacción escoitando sabios coma eles.

Mais todo ese traballo que conseguimos facer co seu exemplo, esboróao o cargo público do Sergas que sen ruborizarse fai as súas declaracións tanto na RG coma na TVG en español.

Nunha situación normal, en que as persoas que dirixen a Xunta de Galicia tivesen claras as súas obrigas e asumisen o papel que como goberno galego lles corresponde, cando menos farían cumprir a Lei de Normalización Lingüística, que, se cadra non o lembran, aínda está vixente. Unha lei en que os predecesores dos gobernantes populares de hoxe, asinaron un articulado que, entre outras cousas di: “Os poderes públicos de Galicia promoverán o uso normal da lingua galega, oralmente e por escrito, nas súas relacións cos cidadáns.” E promover o uso normal da lingua consiste en usala en todas as actuacións como cargo público. Non se equivoquen e non veñan aquí invocar a súa liberdade de elección. A liberdade de elección dun cargo público só ten efecto no ámbito privado, para todo o demais, deberá cumprir a lexislación vixente e, se non o fai, terá que ser cesado e substituído.

E non usen o argumento da idoneidade, a excelencia profesional non só non interfire na capacidade para falar galego, senón que é unha mostra inequívoca desa cualificación.

Comentarios