Opinión

Santa Marta

[Filla de Medea]

Chámome Marta porque miña nai se ofreceu á santa no difícil transo do parto. Hábitos que se herdaban, porque miña nai logo, nin ía a misa, nin gardaba as festas. Só acudía, cando se sentía máis angustiada, á hoxe derruída igrexa sobre o barrio de Poboadores, en Vigo. Prendía unha candea, collía un recordatorio e sentaba na derradeira fila. Esa era toda a devoción que me legou e que eu deixei esmorecer sen remorsos. De feito, non teño lembranza de celebrar o día do santo, por exemplo.

A miña nai pensa que a santa valeuna, pois aquí estamos as dúas cincuenta e pico anos despois. E por iso foi ela tamén pedir por min, cando se achegaba o nacemento do meu fillo, á virxe que ten encomendada a tarefa de parir, a do Libramento. Eu seguín indiferente. E o parto correu marabillosamente.

Non así cando me ofreceron a San Bertolameu (si, así, como se dixeramos Berto lambeu), un dos santos que obra milagres, disque, desde a capela do Alba, na viguesa parroquia de Valadares. Daquela, nos sesenta e setenta, había a tradición de subir andando de noite monte arriba, para librar os máis pequenos do medo. Seica que para rematar a tarefa, collían o santo e daban con el na cabeza do cativo. A min pasáronme por ese ritual, como tamén me levaron a cortar o cormo, mais iso é outra historia, e non valeu de nada. Aínda non sei se collería máis medo con tanta escuridade e tanto golpe. Daquela non había curas exquisitos que renegasen das tradicións a todas luces cristianizacións de hábitos pagáns, é mais, permitían con gusto que os mantos dos santos se enchesen de alfaias de ouro da cativada. Eu ben lembro, e vin un anel meu, co meu nome, no manto do santo. Era de ouro macizo, e nin así me tirou o medo.

Alfaias coma esta e outras riquezas encheron as igrexas nosas durante anos e anos, seguro que a santa de Ribarteme algo recibiría tamén. Porén, ao que parece, con isto non hai escrúpulo, non lles parece paganismo desbotábel o ouro sobre os mantos, e nada din, nin refugan.

Nin devolven.

Comentarios