Opinión

Reaccionar

O outro día, alguén compartiu unha canción de Dios ke te crew, Reinicio. Entre os camiños da aldea, os mozos van reivindicando a ritmo de rap o autoconsumo e unha vida sen estrés, o retorno á aldea, “cos pés na terra buscando a felicidade”. Agora que o escribo, lembro o poema de Luís de León, “fuxir do mundanal ruído”, verdadeiro lema de vida.

Dicía a semana pasada que a esperanza está na aldea, na terra, nunha vida guiada polos ciclos climáticos. E, nestes días, dáme por pensar que esta vai ser a aprendizaxe desta pandemia que, como moitos cambios que foron modificaron a composición dos pobos, percorre o planeta de leste a oeste.

De súpeto o clima parece retomar o devir que lle é propio e a primavera vainos deixando días soleados e fríos, como a marzo corresponde. Os efectos da redución do uso dos combustíbeis fósiles e as emanacións de dióxido de nitróxeno, cunha redución do 64%, producen os mesmos resultados e a través de internet chegan imaxes insólitas dos canais venecianos con cisnes ou algún golfiño que atravesan as súas augas, agora transparentes.

Mais a pregunta é, realmente extraeremos desta crise a aprendizaxe necesaria?

Estamos a comprobalo por nós mesmos, agora. Nin a crecente extinción dalgunhas especies ou o avance das invasoras e a contaminación dos recursos alimentares foron advertencia suficiente. Tampouco a destrución dos glaciares, nin a desconxelación dos pólos, coa conseguinte subida do nivel do mar. Nin a destrución da capa de ozono ou a redución dos recursos enerxéticos. Nin a escaseza da auga, cada vez máis perentoria. Nin a desertización. Ningunha destas pragas de hoxe, que ben poden emular as pragas bíblicas, fixo reaccionar a humanidade, talvez porque non as sentiu como propias.

Se esta pandemia é a décima praga, a décima advertencia, vai sendo hora de reaccionar e aprender, talvez esta crise global teña algo que ver cunha chamada á reflexión sobre a vida na Terra. E sei que soa apocalíptico, mais iso non fai que sexa menos real.

Comentarios