Opinión

Protección

Cando o día 8 lin "Esgotamento sistémico" nestas páxinas, identifiqueime coas palabras de María Reimóndez. Vinme de novo nesa situación en que, por declarar a miña conciencia feminista ou por ser activa no combate da violencia, semella que teña que pedir perdón, desde logo, que teña que xustificarme sempre, sempre, sempre.

Explicar unha e outra vez por que determinadas actuacións deben ser corrixidas ou por que debemos mudar a nosa forma de recibir determinados comentarios ou por que temos que poñernos sempre, sempre, sempre do lado da muller. Explicar unha e mil veces que ela é a vítima do desprezo, da negación, da desigualdade, do abuso, do acoso, do maltrato, da violencia, do asasinato.

Desde o luns, en que a primeira hora da mañá a traxedia me acadou desde os informativos, a miña cabeza dá voltas unha e outra vez ao sucedido en Baiona. Como noutras ocasións. Mais non podo negar que a proximidade ao acontecido, agrava a ferida. Como tampouco podo negar que o feito de que o presunto asasino sexa docente é algo que me preocupa especialmente.

En 2016, tras a aprobación da Lei 26/2015, Educación comezou a esixir a presentación de certificación negativa do Rexistro de delincuentes sexuais, é dicir, non ter sido condenado por delitos contra a liberdade e indemnidade sexual. Sei que, xa naquel momento, me preguntei se unha condena firme por violencia de xénero non era equiparábel.

Hoxe, mentres nos concentramos para denunciar a ausencia de políticas que realmente nos protexan ás mulleres, mentres pedimos máis recursos e menos minutos de silencio, mentres berramos que se matan a unha mátannos a todas, eu non paro de me preguntar se un docente cunha condena firme por violencia de xénero pode dar aulas a esta mocidade que precisa formación e exemplos prácticos de como vivir sen violencia.

Pregúntome se alguén condenado por feminicidio podería dar aulas en cumprindo a condena. E véñenme a cabeza as palabras dunha alumna: "que medo saber que alguén así nos deu clase".

Comentarios