Opinión

Privatización

A semana pasada, compartín o artigo publicado con algunha compañeira das Escolas 'Galiña Azul'. A súa resposta advertiume sobre un aspecto que eu non tivera en conta no meu artigo, entre outras cuestións, porque non tiña o dato. Dicíame que, ademais de todo o dito, resultou que a gratuidade universal da Educación infantil 0-3 dera lugar a unha caída na matrículas das Escolas do Consorcio, que xunto coas da Xunta, son as escolas públicas desta etapa educativa.

Este dato é moi relevante, porque ademais de todo o dito, o tal "planazo" ("se decides ser nai ou pai en Galicia tes un planazo", di a publicidade institucional) vai contribuír á privatización dos servizos que deberían ser públicos. E non será a primeira vez. Levamos anos, especialmente desde 2009, falando destas privatizacións en ascenso, que se nos traduce ás persoas en gastos e perda de servizos públicos.

É algo semellante ao que ocorre nas restantes etapas do Ensino, especialmente na Primaria, onde os datos que deu á luz o Secretario nacional da CIG-Ensino con motivo do inicio de curso falan dunha redución do profesorado do Ensino Público nun 10%, mentres se incrementaba o profesorado do ensino privado nun 6%. Porque se nos mergullamos no DOG e conseguimos comparar as publicacións anuais sobre as modificacións de unidades no ensino, iremos vendo como se suprimen unidades na pública (este ano 59, que se suman ás de anos anteriores), e como se modifican e amplían concertos na privada. Outra vez cunhas condicións laborais ben diferentes.

E aínda poderiamos engadir a diferenza no crecemento orzamentario das partidas destinadas á concertada (22%) e á pública (7,9%). Datos que se refiren aos últimos trece anos de goberno do PP na Xunta.

O planazo é que se reduce a oferta de servizos públicos e aumentan os postos de traballo en peores condicións laborais e salariais, mentres uns poucos obteñen beneficios económicos e, moitas veces, impoñen tarefas e horarios que non están contemplados en contrato ningún.

Comentarios