Opinión

Prestixiar

A entrevista destaca unha afirmación: “en ningún outro momento o galego estivo tan consolidado e prestixiado”. O curioso do asunto é que lemos estas palabras días despois de sufrir unha flagrante agresión á nosa lingua, a través da imposición dun topónimo barbaramente deturpado.

Cando o Secretario Xeral de Política Lingüística responde facendo ese diagnóstico á pregunta da Revista Coralia, faino para indicar como é actualmente a situación “no mundo da comunicación, da política, da empresa, das institucións”. Xa o vemos, xa. Na Toxa.

A verdade é que o resto da resposta é ben ilustrativa, desde a invocación a Castelao, até cando di que a actual situación sería insólita hai cincuenta ou sesenta anos. Menos mal. Menos mal que avanzamos no uso da lingua respecto dos anos 1970 e 1960.

Mais o avance, que o houbo, nin é suficiente nin foi grazas a actitudes institucionais como a que sustenta o partido político que lle deu o cargo no Goberno. Un partido que daquel bilingüismo harmónico que se empeñaron en nos inculcar, parece que evolucionou cara á unha nova diglosia hospitalaria e xerárquica, que axuda a perpetuar os prexuízos que manteñen a nosa lingua minorizada e a que a nosa mocidade perda a capacidade de se expresar en galego.

A permanente aposta por dicir unha cousa e facer outra. A persistencia en negar a realidade.

E digo eu. Que pensaría o Secretario Xeral de Política Lingüística cando o Presidente da Xunta modificaba a programación da televisión para aparecernos diante do prato da comida falando en español? E cando viu que se deturpaba un topónimo de noso nestes días? Considera que eses feitos  son unha mostra de consolidación da lingua? Cre que así é como o galego gaña prestixio?

Unha vez máis hai que tirar de retranca e dicirlles a estes señores que, postos a traducir e españolear, que polo menos o fagan correctamente e se autodenominen “Foro El fango” que iso é o que quere dicir a Toxa segundo Edelmiro Bascuas, e aínda non lle acaería mal o nome.

Comentarios