sábado 24/10/20

Premios

Esta semana, vivina como unha premonición do que nos agarda: recortes e suspensións que tranquilizan a quen os cometen, pois cren que acaban de atopar a escusa perfecta para desentenderse dunha iniciativa que levan coma un lastre e desbotan na primeira oportunidade. E foi a propósito dos premios literarios.

Nestes días de declaracións de intencións, as novas que nos chegaron poñen en evidencia os compromisos reais. Como di a Biblia: “Coidado cos profetas falsos; achéganse con pel de ovella, mais por dentro son lobos rapaces. Polos seus froitos coñecerédelos”

Froitos en forma de acción que repercute positiva ou negativamente sobre a nosa lingua, esa que din defender quen recorta e suspende. Froitos ou obras. Tamén Victoriano Taibo lle dicía a Manuel Antonio: “que nos coñezan polas obras”, mentres nas súas cabezas tomaba forma unha acción reivindicativa de Resistencia que finalmente non se concretou.

Os premios literarios son unha suma de compromisos que redundan no fortalecemento da nosa literatura e con ela da nosa lingua. E, en moitos casos, xustamente naceron para homenaxear a autores e autoras, para lembralos nesta sociedade esquecediza.

Non son un adorno, nin unha ocorrencia, son unha necesidade, nesta e en todas as linguas, pois na realidade son outro dos motores que poñen en marcha a industria do libro, cos seus beneficios de vendas en librarías, ingresos editoriais, facturación de imprentas, contratos laborais que tamén inclúen repartidores e fabricantes de papel, sen esquecer xornalistas que nutren de información cultural os medios que a recollen, técnicos de son, músicos ou actores, mesmo camareiros e restauradores que participan nos actos de promoción e presentación en función da súa dimensión. Parece innecesario citar agora todos os elos da cadea da industria do libro, mais nesta tesitura talvez sexa imprescindíbel mencionar o que debería ser obvio, para que lles caian as pelicas de ovellas aos lobos sanguinarios que desexan trabar na nosa lingua.

comentarios