Opinión

A pregunta pertinente

Mais a xente a quen nos pregunta é a nós. Por que falamos galego. Nestes casos sempre lembro a resposta que dera A. Reixa nun programa nocturno da TVG: porque son sioux (ou apache ou outro pobo americano orixinario). Unha resposta categórica para unha pregunta realmente impertinente. El xa o dixera, xunto cos Resentidos, nunha canción, "Pero mira, xa que falo, en que lingua vou falar".

Porque, se tivermos dous dedos de fronte, tendo en conta o chan que pisamos, e quen vimos sendo como persoas e como pobo, a pregunta realmente pertinente sería: e ti por que falas español? Ou, ti por que escribes en español?

Desde logo é a pregunta que eu me fago sempre que me topo con escritoras e escritores que, escribindo en e desde Galiza, elixen como lingua literaria o español. Porque non o dou entendido.

Haberá quen diga que escribe na lingua que fala e domina, e daquela procede preguntar que pasou na súa contorna para que o galego, a lingua das súas avoas, lle sexa un idioma estranxeiro (e si, temos as respostas na mente). Haberá quen apele á liberdade individual e non deixará por iso de evidenciar que a súa actitude é produto do pensamento diglósico que sobrevalora unha lingua imposta (si, imposta), fronte á que nos é propia en exclusiva a galegas e galegos. Haberá quen mesmo fale da indiferenza coa que foi acollida a súa obra en galego, e da receptividade que tivo en español, afirmación á que de certo lle falta contexto e unha análise realista de a que obedece o feito. Haberá unha resposta, que nunca virá acompañada da reflexión do que realmente significa abandonar a lingua do chan que pisamos. Do chan que pisamos. Non falo de quen adopta o galego como lingua literaria, porque como a vaca, pace no chan de noso. Dixen que me pregunto por que alguén que naceu aquí, que vive aquí, que traballa aquí, non consegue ou non quere ou está incómodo ou non sabe ou non lle soa ou non se ve escribindo na lingua que naceu aquí, que aínda vive aquí.

Esa é a pregunta que cómpre facer.

Comentarios