Opinión

Polo ben do ensino

Á semana seguinte, aplícanse as primeiras decisións, prudentemente agochadas. A guinda foi para o ensino: o protocolo da Covid-19.

Mentres o leo, voume imaxinando a min mesma o vindeiro curso. Non sei se comezar xa a tomar clases de malabares. Irei polos corredores andando de lado coma os caranguexos, mentres nunha man sosteño a tablet, os libros, o estoxo, as fichas... e  na outra todos os matraquillos desinfectantes. Buf.

Avanzo no documento e chego a un punto que me pregunto, e por que non patentar unha pulseira repelente? Si, unha pulseira que, coma un pastor eléctrico, libere descargas no alumnado cando reduzan a distancia de 1,5 metros entre eles. É que, non sei como se van aplicar todas esas medidas dos recreos e os cambios de aula e o tránsito polos corredores.

Nestes 30 anos de docencia o que aprendín é que temos un currículo oculto que foi aumentando. Cómpre ser condutora, coidadora, administrativa, informática,... E agora limpadora e sanitaria. O caso é non crear emprego.

O currículo tamén cambia, teremos que instruír sobre mínimos de limpeza e desinfección.

Desculpen a ridiculización, mais é a miña defensa, ante o que resumiría así: e cando dámos clase da materia da que somos especialistas?

A Administración do PP segue a demostrar o seu desprezo polo profesorado. Un desprezo que se incrementa con este documento que non fala do necesario: incrementar profesorado e orzamentos, reducir ratios, senón que malla na liña de sempre, trasladar o problema aos centros incrementando a carga burocrática e laboral das docentes.

Mais que podiamos agardar de quen segue sen contar o alumnado repetidor para fixar as ratios de alumno por aula, que só autoriza determinadas materias se non ten que enviar profesorado ao centro, que non cobre as baixas de quince días, que non cubriu ningunha baixa durante o confinamento, ou que constrúe centros en que nos apiñamos e nos pelexamos polos espazos?

Comeza a que ten que ser a derradeira lexislatura do PP, polo ben do ensino.

Comentarios