Opinión

Poetas afgás

Non teño vontade de falar
De que debo cantar?

Leo estes versos de Nadia Anjuman e regreso ao primeiro poema de Follas Novas. É a mesma alma de muller a que nos fala desde os versos, de novo para exhibir a negación que paira sobre nosoutras, dous séculos despois a miles de quilómetros de distancia, “engaiolada nesta esquina” di a poeta, para se referir a Afganistán.

Hoxe as mulleres afgás son portada dos medios de comunicación, convertidas no reclamo paraugas que quere, a través delas, reclamar a nosa atención sobre a perda de dereitos que se vai producir no país. Porén, non son quen de empatizar co discurso actual dos que hai tempo defendían a ocupación de Afganistán, sen reflexionar sobre as consecuencias, nin a involución que, desde logo para as mulleres neste século, acabou supoñendo a posta en marcha da Operación Ciclón hai décadas. Sinto que as utilizan e que nos utilizan.

Así que procuro a palabra delas na poesía, nun lugar en que as mulleres de procedencia pastún levan séculos expresándose a través de landais, dísticos formados por un verso de nove e outro de trece sílabas, a través dos que nos falan da súa realidade.

Entón dou coa poeta Nadia Anjuman, asasinada polo seu home e a familia del. O motivo? Escribir, considerábano deshonroso. Tiña vinte e cinco anos e un fillo de seis meses. Era o ano 2005 e o país estaba dirixido por un goberno apoiado nunha coalición internacional autorizada pola OTAN. O avance que esa situación puido supor para ela foi que a ONU esixiu xustiza. Antes desa coalición, Anjuman debeu recorrer á clandestinidade nos Círculos de costura de Herat para poder formarse en literatura, canda outras mulleres. A vida de Nadia Anjuman é a constatación de que as nosoutras sempre somos as vítimas, os obxectos utilizados segundo os intereses de cada facción.

Mais, como ela di no remate dese poema co que iniciei o artigo: “non son un débil álamo / axitado polo vento. / Son unha muller afgá / e a miña sensibilidade lévame a lamentarme.”

Comentarios