Opinión

Pobreza léxica

O empobrecemento léxico é un mal que afecta a moitas linguas. Aínda estes días lía unha entrevista dunha poeta rioxana que sentía morriña de palabras que caeran en desuso. Mais, cando a lingua é unha lingua minorizada como a nosa, ese empobrecemento aumenta exponencialmente.

A depauperación de que falamos está ligada en moitas ocasións á desaparición dun xeito de vida, por exemplo o provocado pola necesaria modernización das tarefas agrícolas ou pesqueiras que lanza ao esquecemento moitos campos semánticos.

Noutros casos son os cambios na ocupación do territorio os que determinan ese enfraquecemento. No noso país, os fluxos migratorios internos cara ás cidades traducíronse en que as xeracións máis novas perderon contacto coa paisaxe e a natureza. Así, foron medrando sen recoñecer as diferenzas entre as especies vexetais e animais que, malia vivir na cidade ou na vila, seguían a rodealas.

Dicía Manuel María que o idioma é a chave coa que abrimos o mundo, que é o mesmo que dicir, que a lingua describe, ou crea, a nosa realidade vital porque lle pon nome. Cando bidueiro, freixo abeleira ou sobreira; miñato, andoriña, cágado ou esquío deixan de ser "chave" coa que ir recoñecendo o mundo, as palabras desaparecen e son substituídas por arquilexemas como árbore, paxaro, bicho. Cando non polo castelanismo correspondente. E é que, como xa dixemos, aquí cómpre falar tamén da constante presión minorizadora que segue a sofrer a nosa lingua e que  enfraquece tamén a nosa morfosintaxe.

Falando de árbores, cómpre dicir que, ás veces, somos nós os responsábeis desa perda léxica, pois houbo mans que acabaron coas frondosas autóctonas, substituíndoas polos especulativos eucaliptos.

Dicía Castelao que vale máis unha terra con árbores nos montes, ca ouro nos bancos. E así é, tamén desde unha perspectiva económica aplicada á lingua. Porque axuda a manter a riqueza lingüística e porque deseña unha identidade capaz de reivindicarse e impedir as eternas actitudes colonizadoras.

Comentarios