Opinión

Pida cita

Se quere enfermar, pida cita. Non, non me equivoco. Cómpre pedir cita para enfermar, como se non vai ser vostede atendido polo médico? A ver se pensa que, suprimindo ambulancias, pechando camas e andares hospitalarios enteiros vai haber ocos para atender a xente? Non se empeñe. A cousa é que ao persoal sanitario, coma a calquera outro, hai que darlle vacacións ou baixas. A culpa é do Estatuto dos traballadores, se isto fose América non tiñamos ese problema, mais aquí aínda segue vixente unha lexislación que foi necesaria para rematar coas folgas e os conflitos laborais. En fin. Que lles hai que dar eses días... mais onde di que haxa que substituílos? Se falta o titular non hai médico e as citas atrásanse tanto tempo como falte e cando volva, cada vez que tente pedir cita, saltará esta mensaxe: “A axenda do profesional non dispón de ocos libres para pedir citas de Consulta nos vindeiros días”. Así que xa pode ser urxente.

Urxente como a febre. Febre! Protocolo Covid. Que di? Que ten gastroenterite? E quen llo dixo? Ten dificultades respiratorias?, pero ten febre. Vaia facer a proba. Chame ao seu centro de saúde. Veña buscar o volante. Non fai falta, xa lle damos nós cita. Ah, que xa está vostede no centro de saúde. Pois nada, non lle fai falta. Métase na habitación. Non comparta o baño. Pida cita no seu médico de familia, el daralle o resultado da proba. Así pasan tres días. Se a súa familia se preocupa e pregunta que facemos coa avoa ou podo ir de viaxe de traballo non é problema noso. Daremos o resultado cando corresponda. E vostede sen saber que é o que lle pasa porque a PCR é negativa. Pero se quere cita terá que explicarlle todo á celadora para convencela de que necesita ir por urxencias.

E a culpa de quen é? Sabedes a rima, non mo fagades dicir. Das e dos traballadores non. Están desbordados.

E para isto detraen unha parte do noso soldo cada mes.

Todo parecido coa realidade, como di o presidente é certo e verdade. E isto non é todo amigos. Viva o verán!

Comentarios