Opinión

Paz?

O vindeiro luns a rapazada regresará das aulas coas súas creativas pombas da paz, mesmo pode que fagan algún acto para conmemorar o Día escolar pola paz e a non violencia, instituído o 30 de xaneiro para conmemorar o asasinato de Gandhi. Se accedemos á páxina de Unicef veremos as súas palabras presidindo a información sobre esta xornada: "Non hai camiño para a paz, a paz é o camiño".

Mais, cando esa rapazada escoite os informativos ese mesmo día, o que escoitará será quen vai enviar tanques a Ucraína, cantos, de que tipo, etc. E todo o discurso escolar en prol da paz esboroarase coma un castelo de naipes. A guerra e a súa importancia comercial está por riba de todo. Nada importa que arrastremos a historia de guerras cruentas, que mesmo a través da literatura, Ledicia Costas ou Antón Riveiro Coello, poidamos revivir tráxicos episodios como o canibalismo ao que se viu conducido o pobo de Leningrado e que Sara Mandiá lembraba esta semana neste xornal.

Por que citamos a Gandhi, mais seguimos o ditado romano "si vis pacem, para bellum"? A filla de Medea recupera os versos que Séneca puxo na boca da princesa da Cólquida cando lle di a Xasón: "a quen lle aproveita o crime, ese é o autor". A quen lle aproveita esta escalada armamentística?

É evidente que hai unha industria que vai tirar beneficio, os tanques que agora se mobilizan serán substituídos por novas armas que deberán ser fabricadas e que van ser pagadas por todos nós, cos nosos impostos, mentres a sanidade e vai deteriorando a pasos axigantadados.

Contra quen era a guerra? Sempre contra a clase traballadora que sofre as consecuencias directas, no territorio en conflito, e indirectas, a través da inflación por exemplo.

O 30 de xaneiro é tamén o día en que naceu Castelao, o artista que deixou constancia dos horrores do golpe en que foron fusilados, depurados, represaliados miles e miles de galegos e galegas. Deámoslle á súa obra o uso que el pensou: denunciar os horrores da guerra. Segue a ser imprescindíbel.

Comentarios