Opinión

Parasitos

Ensínanos a ecoloxía que as relacións interespecíficas pode ser de tres clases: de beneficio mutuo, de prexuízo mutuo, ou de beneficio dun a costa doutro. Cando empregamos esta clasificación para describir o sistema capitalista, claramente acudimos ao terceiro caso e, dentro del, adoitamos falar de depredación. Mais estes días volve aos cines a película que gañou nos Óscars e nela esa relación desigual é identificada co parasitismo. Iso foi o primeiro en que reparei ao saír do cine, na metáfora escollida. Máis alá da ironía declarada polo director, eu reparei no xogo coa espectadora, a quen lle transfire a decisión de decidir quen parasita a quen. Unha transferencia da que acabamos por saír retratadas, pois a nosa decisión vai poñer en evidencia o noso grao de alienación.

Reparei tamén en que a metáfora escollida ten unha mensaxe implícita esperanzadora. Porque os parasitos poden ser eliminados e, dese xeito, o hóspede mellora a súa vida. Alentador. E a trama da película lévanos a ese alento?

A miña conclusión é que non, por iso a cualificaría de traxedia, porque na ficción e na realidade, até o de agora, o desenlace é fatal, o parasito non é eliminado. Na película, os de abaixo non conseguen eliminar os parasitos, nin idean a forma de facelo. Só pensan en ocupar o seu lugar.

E logo está o paradoxo. Que unha película escrita ao sur do paralelo 38º sobre os búnkers anticomunistas que actualiza o retrato do capitalismo e, malia o ton tráxico, nos lanza a mensaxe de que este sistema é prescindíbel, triunfe como nunca outra o fixo en pleno corazón do sistema, rodeada da escenografía de púrpuras e dourados en que se mergulla unha sociedade superficial namorada do poder do diñeiro e a súa ostentación. Será talvez por esa ventá aberta á non subversión que tan ben casa coa fórmula do “soño americano”, esa en que a felicidade é ser rico, guapo e famoso, un lugar onde só caben uns poucos porque todos os demais son confinados nas fedorentas catacumbas da sociedade.

Comentarios