Opinión

Pagade malditos!

Pagade, pagade malditos! Iso é o que me vén á cabeza mentres escoito as novas da primeira hora da mañá que nos falan outra vez do incremento de prezos da enerxía eléctrica, dos derivados do petróleo e o empobrecemento dos fogares. Pagade, pagade malditos! Que aínda non pagades abondo, e á volta de pouco tempo teredes outro incremento de prezos, de novo dun servizo básico como a auga multiplicará o seu prezo e seredes, se cabe, aínda máis pobres.

Pagade, pagade malditos! é unha paráfrase da tradución ao español da película de Pollack que adaptaba para o cine a novela de Horace McCoy, They Shoot Horses, don't they? (Acaso non matan os cabalos?). É a historia dunha parella que, como tantas outras sumidas na crise seguinte a 1929, probaban sorte no cine e acababan participando en maratóns de baile a cambio de cama e comida. McCoy, precursor da novela negra, foi un traballador que participou na 1ª Guerra Mundial e viviu o Crack do 29. As súas obras son unha crítica do estilo de vida americano. They Shoot Horses… súmenos nun mundo de violencia nacido do empobrecemento económico e retrata a alienación da clase traballadora.

Un século despois, volvemos ser tan malditos como entón. O sistema non escatima en medios para alienarnos, crises bancarias, habitacionais, económicas, sanitarias, enerxéticas, mesmo a guerra cumpre coa súa obriga nesta maldición. Un particular descenso aos infernos que ten no deterioro da saúde mental das persoas unha das súas consecuencias máis graves.

Na novela de McCoy, un disparo acaba sendo a saída á miseria e á dor, como cando se mata un cabalo. Un final que nos retrotrae aos peores momentos da crise de 2008.

O telexornal emite de novo as súas pesadas novas. "As previsións apuntan a que isto non vai quedar así". 

Hoxe van aprobar a extensión do Decreto anticrise e anuncian unha futura rebaixa da factura da luz. Mais, como xa manifestou a CIG nas rúas de Compostela o pasado 22, aínda non é suficiente para frear este empobrecemento.

Comentarios