Opinión

Os cómplices

Sempre dicimos que 8M é todos os días. E así é. Mais non é menos certo que cando se achega esta data, aproveitamos a efeméride para chamar a atención sobre a multitude de violencias e desigualdades que aínda nos asedian. Fermoso será o día en que xa non cumpra facer ese traballo.

Este ano, os coidados están baixo a lente de aumento. Por iso, cunha pancarta que dicía “Invisíbeis e precarias” as delegadas da CIG ateigaron o auditorio. Foi gratificante ver como o espazo se facía insuficiente. Avanzamos. As protagonistas foron as profesionais que se dedican a coidado de persoas, crianzas, maiores, con diversidade funcional. As súas intervencións ían desde a denuncia penosa das súas condicións de traballo, até a expresión da reivindicación máis combativa.

Noutro ámbito, as docentes traballamos para desmontar prexuízos e sementar que a igualdade é desexábel, posíbel e que nos atinxe a todas e todos. Nestas datas facemos un esforzo para educar en igualdade desde a aula. Non é doado. Para chegar a estas clases en que o diálogo é a ferramenta máis útil, cómpre liberarse do xugo dos contidos curriculares e deixar voar a imaxinación. Mais é gratificante, porque a pesar de que eles e elas son un produto da sociedade, coma nós, cando se lles dá a oportunidade, dan a súa opinión, contan as súas experiencias e mesmo fan propostas.

Mais todo este traballo colectivo bate contra o muro de quen ten un altofalante poderoso e emprega os medios de comunicación para combater o feminismo e, por tanto, a loita por unha sociedade máis igual e xusta para todas e todos. Por ese motivo, ou pola publicidade que proxectan, ou polo que se ve e se oe en programas de moita audiencia, os medios, hoxe, non están a cumprir o papel axeitado, e cando non o fan, non só desprezan e atacan o noso traballo, senón que se converten en cómplices do patriarcado que non é un substantivo abstracto, senón o conxunto de accións que perpetúan unha imaxe da muller degradante, discriminatoria e cousificadora.

Comentarios