Opinión

Orgullo e solidariedade

Non o dubida. Naquela altura escribe que Sarmiento erraba porque a candorca non era un peixe espada como recollía o de Pontevedra, senón a “orca”. Así o escribe no seu “Catálogo de palabras gallegas”, un conxunto de 256 páxinas que Carlos Martínez-Barbeito fai público en 1956 nun artigo publicado no boletín da RAG.

Descoñezo se este catálogo é anterior á obra que o erudito ilustrado publicou en 1788: “Ensayo de la historia de los peces y otras producciones marinas de las costas de Galicia”. Ensaio que se fecha con tres índices cos nomes dos peixes en castelán-latín, galego-latín e latín-castelán, labor en que seguimos traballando séculos despois, sen dar cabo a obra tan necesaria.

Talvez sexa esta a magna obra de quen asinou como Académico honorario da de Historia e veciño da Coruña. Ao que parece un dato importante para el. Na Coruña nacera un 25 de abril de 1734, no mesmo lugar en que se alza un edificio construído cando el ía cara aos trinta anos, onde viviu e que defendeu do derrubamento parcial a que o obrigou o aliñamento das rúas.

Foi seu pai quen mandou construír a casa, mais cando escoito o nome, eu penso no ilustrado, no home que defendeu as artes de pesca galegas contra as catalás, o que recolleu nomes de peixes e corrixiu a Sarmiento. Penso en Xosé Cornide e Saavedra, coetáneo de Diego Cernadas e autor do soneto “A Fílida”, o máis celebrado da produción poética galega do XVIII.

En 1956, o artigo de Martínez-Barbeito saca de novo á luz a este erudito. Xusto un ano antes de que comecen unha serie de compras e vendas que fan que a casa do seu pai remate nas mans de Franco e a súa esposa que ficaba encantada porque así non tiña que abrir a casa de Meirás cando fose á Coruña, como escribe o secretario do ditador.

Mais non debeu ser ese o destino que para a casa pensara a familia de Cornide cando a entregou ao Concello. E teño para min que as súas cinsas esparéxense orgullosas e solidarias cos nove de Cornide, que dan voz e corpo aos desexos do pobo.

Comentarios