Opinión

O que interesa

Desde hai tempo está calando a mensaxe de que determinados temas non preocupan á cidadanía ou sociedade, nunca din pobo. Quen así se expresa son, entre outros, os opinadores dos medios de comunicación. Esta semana a fraseciña saíu da boca dun tertuliano cando se debatía o tema da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial, despois do discurso do seu presidente.

Eu, que me considero cidadá e, por tanto, integrante da sociedade, mesmo do pobo, fico profundamente alarmada con este tipo de afirmacións. É como tratarnos de ignorantes e, ante o noso descoñecemento, concluír que debemos seguir sen saber ou entender de que estamos falando exactamente e como nos afecta na nosa vida diaria. Xusto o que, se fose certo o que din, terían que facer.

Hai varios anos, no inicio dun conflito laboral moi duro, en que me tocou asesorar os traballadores e traballadoras dunha empresa, xerei a súa desconfianza cando non valorei oportuno acudir á xustiza ante a evidencia dos incumprimentos laborais da empresa. No meu labor sindical aprendín que ante todo cómpre negociar e acadar o mellor acordo posíbel, pois a vía xudicial non sempre cumpre as expectativas que nela poñemos e unha mala sentenza trunca o futuro das traballadoras e os traballadores. Eu explicaba isto e non me entendían. Como vai poder saír mal algo que é tan, tan evidente? Eu dicíalles que unha sentenza non valora se algo é xusto ou inxusto, senón se está dentro do marco da lei e, aínda así, as xuízas e os xuíces son persoas, coas súas subxectividades.

Estes traballadores e todos os que se viron en situacións semellantes, cando alguén lles explique cales son as funcións do CXPX van entender todo perfectamente e mesmo terán interese por saber como se resolve. Entenderán que estamos diante doutra consecuencia da nefasta transición española ou que somos monecos de Lego cos que xogan PP e PSOE aferrados a un bipartidismo inexistente.

Igual é isto o que non interesa, que o pobo entenda as tortas raíces do presente.

Comentarios