Opinión

O lucro de nacer

Esta semana volve á primeira páxina o tema dos ventres de alugueiro tras as fotos dunha famosa española saíndo dun hospital norteamericano cunha bebé nos brazos e en cadeira de rodas, coma se estivese exhausta do parto.

Leo nalgures que os ventres de alugueiro son violencia contra a muller. E concordo coa etiqueta, violencia física, cousificación do corpo; violencia psicolóxica, extirpación dos sentimentos; violencia económica, o poder exercido con talonario sobre as máis necesitadas; violencia institucional, dos estados que, dun ou doutro xeito, consenten esta práctica.

Dos estados. Porque, desde o meu punto de vista, tan responsábel é o estado que, vía de lei, regulariza esta práctica, coma o que, baixo o pretexto do ben do menor, permite o rexistro dos bebés que sabe que foron así xestados. E ese é o caso do Estado español. Un estado que, malia declarar a ilegalidade da práctica, estaa autorizando de facto cando rexistra estes bebés como fillos lexítimos das compradoras ou compradores do seu corpo e da súa identidade. Viaxarían estes ricos do século XXI a comprar os seus fillos nos USA se soubesen que nunca poderían entrar de volta con eles no Estado español?

E logo, non podo evitar relacionar a legalidade dos ventres de alugueiro coa decisión da Corte  Suprema dos Estados Unidos de derrogar o dereito ao aborto a nivel confederal, o que vai dificultar ou impedir o exercicio deste dereito á mulleres norteamericanas (de varias xeracións ou recentemente chegadas doutras latitudes do continente). Unha lousa que vai caer, coma sempre, sobre as máis desfavorecidas. Nese norte occidental que se nos presenta como modelo sociocultural.

E penso no lucro. No beneficio que as clínicas privadas tiran desa compravenda de carne humana. No enriquecemento de certas persoas a custa da explotación dos corpos, das mentes, do ánimo das mulleres máis vulnerábeis, das que, na realidade, precisan da protección do Estado para decidir cando queren ser nais e para selo dignamente.

Comentarios