Opinión

O Himno

Hoxe por hoxe a miña ventá ao mundo ten forma de aula. Desde ela imaxino ese futuro en que a mocidade de hoxe será adulta, e haberá quen estea en lugares desde os que tomará decisións colectivas. O que vexo non sempre me gusta e daquela tento cumprir co meu papel de educadora da mellor forma que sei.

O caso foi que liamos un anaco dunha peza teatral de Xesús Santos: “Eu son ... o piñeiro, vaia! Como os que inspiraron o poeta Pondal para compoñer o himno galego.” E foi así, analizando como se presentaba este piñeiro, que comprobei que non sabían cal era o himno galego, a súa letra, a súa música... ou o nivel de confusión cando alguén mesmo mencionou unha sobada canción sobre o ditador fascista. Parei a corrección do exercicio e virei o leme. Cumpría arriar as velas e pararse un anaquiño en reparar o maltreito coñecemento de noso que estaba a percibir no alumnado. O silencio que se produciu foi a proba de que o tema tiña gravidade de seu. No encerado escribín para rematar esas palabras que din: quen non coñece a historia corre o risco de repetila.

Estes mozos naceron por volta do ano 2008. Pode que algún deles asistise ás que aínda se chamaron durante un ano “Galescolas”, mais cando comezaron a segunda etapa de infantil o Partido popular volvera ao goberno da Xunta, estaba en vigor a LOMCE e impoñíase o novo Decreto do uso do galego. Este alumnado son os pequenos que o PP utilizou para denigrar a política social do bipartito e nomeadamente as Galescolas. Lembrades que o actual presidente, antes de ser candidato dicía  que os meniños tiñan que ocuparse “de tomar o biberón e de aprender a eructar”, para contrarrestar as propostas do Vicepresidente nacionalista?

Sempre propaganda pensada para mudar conciencias e interferir nos nosos actos. Cantas persoas deixarían de falar do Himno na aula impregnadas por aquelas campañas contra a lingua? A iso non podo responder. O que si podo dicir, é que nós si falamos do himno, lémolo e escoitámolo, o animoso poema de Pondal.

Comentarios