Opinión

O guión

Hoxe quero parafrasear o célebre monólogo de Bágoas na chuvia:

Vin cousas que non creriades. Ministras socialistas consultando cun rei como afrontar o terceiro trimestre do curso escolar. Vin as imaxes desa reunión celebrada o mesmo día en que outros celebraban o aniversario da República española liquidada por un golpe de estado. Todos estes momentos perderanse na memoria, como as bágoas baixo a chuvia. É hora de lembrar.

Desde logo é esperpéntico que a decisión sobre o futuro académico da rapazada comece por unha consulta a un xefe de Estado que o é por dereito de nacemento. E nós, docentes, teremos que educar ese alumnado nos “valores que sustentan a liberdade, a xustiza, a igualdade, o pluralismo político, a paz, a democracia...”, elementos transversais do currículo recollido na lexislación. Mais eu non podo deixar de sentir que estes actos e os valores en que eu teño que formar o alumnado acaban por entrar en contradición... igualdade, democracia, pluralismo por un lado e mantemento dos dereitos dinásticos por consanguinidade polo outro (ollo, que liñas máis abaixo di que o teño que formar no respecto ao estado de dereito).

En fin. Volvamos á escena, neste caso, ao teatro en que se podería representar Os xefes, de Carvalho Calero, obra que Laura Tato di que debe ser lida en clave coetánea á Transición. E é que, nesa obra, os xenerais que dirixen os exércitos branco e negro (a transposición cromática é doada) pactan o final da guerra: “desembarazarei-me da miña anacrónica dereita...desembarazarei-me da miña esquerda irresponsábel...Mais antes teremos que loitar, como se fósemos enemigos, como se estivésemos en campos ideológicos opostos.”

O actor que pronunciou o monólogo, Rutger Hauer, modificou o guión que lle entregaron. Vai sendo hora de que tamén nós fagamos noso o guión, que o liberemos de palabras alleas e que o interpretemos tal e como o sentimos aquí e agora, dando sentido á personaxe que nos tocou interpretar nesta pandemia, ou fóra dela.

Comentarios