mércores 28/10/20

O discurso

Asisto en directo ao discurso de investidura do candidato á presidencia da Xunta. Resúltame agresivo, mesmo chulesco, talvez porque rezuma ese paternalismo propio do patriarcado que cada vez se me fai máis insoportábel. Por certo, unha actitude que abunda en moitos políticos.

O candidato acusa a xefa da oposición de crear un "conflito antes de coñecer o protocolo", acusación que repite varias veces.

O impulso inicial é tirar de ironía e recomendarlle unha adaptación curricular co obxecto de que comprenda o verdadeiro significado das palabras que usa. Mais si o sabe e úsaas a mantenta para inocular nos espectadores unha mensaxe concreta, aínda que non se corresponda coa realidade. Porque a realidade non importa, importa o discurso, as palabras utilizadas para tapar o pasado recente e crear un horizonte virtual que nutra os apoios ao partido para seguir ocupando o poder e os beneficios que desa posición se derivan. Importa implantar ideas para manter o sistema e a súa pirámide de clases.

Se analizamos detidamente o enunciado entre aspas, comprobamos que:

1. Acusa o BNG de ser o promotor do malestar do profesorado que, por diversas vías e até na porta do Parlamento esa mesma tarde, reclama máis docentes, menos ratios e máis seguridade. Igualmente acúsao de crear o desacougo entre as nais e os pais, que veñen reclamando seguridade para os seus fillos e non acceden a ser os responsábeis dun servizos que a Consellaría se nega a dar e asegurar.

2. Fai desaparecer o protocolo imposto sen debate coas organizacións sindicais a finais de xullo e traslada a idea de que o actual naceu despois da conferencia de presidentes co goberno central, tras a que, iso si, Galiza foi o primeiro territorio en traspoñer o falado a un protocolo (que quede claro quen chegou primeiro). Por tanto, que todo o que se dixo antes do 1 de setembro é pura confabulación xudeomasónica sen fundamento.

Un claro anuncio do que vén por diante: catro anos de discurso televisado para negar a realidade.

comentarios