Opinión

O Carrabouxo

Baixo a padieira que nos leva dun ano a outro, advertimos do dobre aniversario. Os 40 anos do Carrabouxo e os 60 que en 2023 cumprirá O segredo do humor de Celestino Fdez de la Vega.

A personaxe do Carrabouxo devorou o seu creador, até o punto de que hoxe recoñecémolo máis polo nome que el creou que polo seu propio. Talvez porque a de Xosé Lois González foi unha creación xenial, que traballa coa propia lingua para criticar cun sorriso, poñéndonos a realidade dediante. Porque Xosé Lois ten unha habelencia especial para xogar coa forma e o significado das palabras. 

Na entrevista do Diario Cultural con motivo da exposición “40 anos do Carrabouxo”, Xosé Lois insistiu na relación entre humor e poesía. O certo é que ambos os xéneros teñen a capacidade de facernos pensar e unha especial estratexia, formal, para colocarnos diante da realidade.

El dixo que é porque cando nace o chiste, a realidade á que se refire parece máis certa, unha certeza que tamén xera a poesía. Ao escoitalo lembrei que foi así como o coñecín, cando os festivais do Humor e da Poesía coincidían en Salvaterra. Naqueles xantares os humoristas facían das súas e eran o terror dos restauradores (sobre todo cando os comensais arramplaban cos pratos redecorados). Eran os anos da Curuxa do humor, en Fene con Xaquín Marín, onde Chichi Campos regrafiaba a sinaléctica do concello, tan provocadora.

E os anos de Can sen dono, en que un “fato de rapaces novos” deixan o mellor humor “como síntese do viaxeiro que vai polo mundo cos ollos ben abertos e lle saca chispa ás mesmas pedras”, como recolle “O humor galego ao 88” resultado do Festival dese ano.

A publicación do I Salón de Primavera e Simposio de humoristas galegos, que casualmente pecha co Carrabouxo, contén un epílogo en que homenaxean a Laxeiro e declaran que “un chiste debuxado é tanto coma un “editorial”. E eu penso que teñen razón. Reparen se non nesta viñeta de Xosé Lois á que me acaroo, nesta capacidade de síntese e diagnose da nosa realidade. 

Comentarios