Opinión

Normalización riquiña

Lin con curiosidade o discurso do presidente da Xunta no acto institucional do Día das letras. Un deses discursos inzado de boas palabras e algúns anuncios, en que semella que o noso país é un lugar normal en que a lingua goza de plena saúde e temos un goberno que coida dela tal e como lle corresponde. Só había unha morna referencia á realidade: “Galicia paga esa débeda situando a recuperación como unha fundamental prioridade”. Entendemos que a débeda é coa supervivencia da lingua e a cultura de noso. Mais o substantivo recuperación acode á oración orfo de cualificativos ou modificadores, diluíndo a mensaxe intencionadamente, nunha calculada arquitectura textual deseñada para transmitir as mensaxes que interesan: fundamental prioridade, aínda que os feitos neguen este trato á recuperación da normalización lingüística. Este parágrafo e o seguinte son dignos dunha demorada análise das palabras e as frases escollidas: todos os gobernos sintonizaron, convivencia, acordo básico, convidados á normalización, ponte, encontro, convivencia outra vez. E si, por un lado dinos, outra vez, como debe ser esa normalización, “riquiña”, sen conflito. Mais polo outro, non esquezamos, transmite a idea de que a súa presidencia, que se iniciou, entre outras, coa prohibición de usarmos a nosa lingua na docencia das ciencias, e o seu partido sintonizan con esa convivencia normalizadora. Todo tan normal como que se culpe da situación da lingua a quen terma dela, unha táctica destinada a impedir a visibilización do conflito real: que a lingua que naceu neste territorio siga a ser minorizada, mentres quen debe evitalo pecha os ollos e nega as evidencias.

Eu póñome na pel da poeta e pregúntome que sentiría ao escoitar que a súa homenaxe era aproveitada para falar das bondades da autonomía e enxalzar a actual política lingüística, esa normalización riquiña para a que todo é harmonía e os que desentoamos somos os que reivindicamos o noso dereito a vivir en galego.

Intemperiémonos.

Comentarios