Opinión

Non sen a miña lingua (II)

O día seguinte cheguei cunha actividade que respondía á pregunta "por que non en galego? ". Consistía nunha selección de imaxes do día anterior, o 8M, recollidas nas mobilizacións que inundaran as rúas, pancartas elaboradas por mozas moi novas, en que campaban orgullosas mensaxes reivindicativas. Mais moitas delas nunha lingua que non é a nosa propia. 

Algunhas das imaxes eran as que as mozas que tiña en fronte na aula levaran á mobilización. Cando llas mostrei dixeron que cando xa tiñan escritos os seus berros lembráronse de min, "...como as vexa Marta". Decatáronse de que eu repararía antes ca en nada, no feito de as grafiar noutra lingua. Como así foi. Pensei, algo quedou de todo canto quixen transmitirlles.

Daquela pregunteilles por que, por que se foran quen de facer esa reflexión, non usaran a lingua de noso para escribir en lilá. "Por costume profe". E eu sei que é así. Que tamén conectan coa reivindicación de normalizar a nosa lingua, mais que teñen que loitar contra anos de usos lingüísticos que chegan a elas transmitidos cunha habitude que aínda se ve fortalecida pola falta de implicación da sociedade, dos medios, das institucións... Todo o que as rodea está en español, agás esas poucas horas na aula, unha conversa roubada coa avoa, algunhas palabras fugaces na rúa.

O certo é que cargan sobre si un fardel de interferencias, prexuízos e autoodio que culminou coa ruptura da transmisión da lingua nas xeracións que as precederon. A vacina contra esa pandemia non se fabrica no laboratorio, nin é só competencia duns poucos investigadores. 

Cando eu tiven a súa idade sentín que posicionarme ante o futuro tamén me esixía un comportamento lingüístico, que todas as loitas estaban imbricadas entre si, e iso aprendino de quen me rodeaba. Porén, hoxe, esa imbricación desaparece moitas veces. 
Somos o espello en que se miran, unha parte desa vacina contra a minorización. Se estamos atentas ás desigualdades, tamén debemos ter presentes as que sofre a lingua galega. 

Comentarios