Opinión

Nomes de familia

ESCRIBIRÍA o meu nome nos espellos
cada letra que compón ese nome de familia
para enfrontalo, preguntarme
se me recoñezo nos seus trazos

Cando reflexionamos sobre a omnipresenza do nome herdado do pai, hai persoas que din que gustan da maneira portuguesa de ordenar os apelidos. Primeiro o da nai. Iso parece, mais cómpre non esquecer que cando recorren a un só apelido, entre os portugueses prevalece o segundo, o paterno, coma cando nós deixamos de reproducir o noso segundo apelido. Haberá quen me diga que hoxe a lexislación permite o cambio de orde dos apelidos, si, sempre que o pai tamén estea de acordo. En todo caso, malia ser o herdado da nai, é o que nos transmitiu o noso avó, un home.

Pensei nisto porque lin que o Parlamento checo instaurou a opcionalidade do emprego do sufixo feminino para os apelidos que herdan do pai ou toman do marido. Por certo que son moitos os países en que se perde o apelido de solteira ao casar, a máxima expresión da nosa invisibilización e de que somos unha propiedade que se transfire entre homes, do pai ao futuro marido, por iso “pedir a man” ou “entregar a filla en matrimonio”. A lingua non engana. Así que cando se permite que as futuras casadas manteñan o apelido de solteiras concluímos que é unha medida avanzada que axuda á nosa visibilización. Mais o que visibilizamos é o apelido do pai. Sempre o do pai. Só ese apelido se transmite.

Se nos remitimos ás orixes dos apelidos (Ana Isabel Boullón, “Aproximación á configuración lingüística dos apelidos en Galicia”), máis do mesmo. Os moi abundantes patronímicos, maioritariamente rematados en -ez (que significan “fillo/a de”), remiten ao nome do pai: Fernando, Eanes, Alonso, Martín, Nuno...

A liñaxe das nosas avoas vai oculta no ADN mitocondrial, e nunca chega ser visibilizada nos nomes que herdamos, porque sempre arrastramos o apelido dun home, pai ou avó co que talvez nos gustaría romper até a relación nominal de parentesco, para sepultar a toxicidade coa que algúns nos cercaron.

Comentarios