Opinión

No túnel

Desconcerto. Esa é a sensación predominante en min nestes días. Abouxada polos datos que se van amoreando, non dou entendido as diferenzas de xestión que se dan no espazo xeográfico en que vivo. Nun quilómetro cadrado, alí onde hai máis movemento de xente, tres concellos representan a disparidade de criterios que se están a dar neste momento. Mentres un mantén actividades e festexos, algún dos cales pode traducirse en aglomeración, os outros dous suspenden a súa programación cultural, un por mor da chuvia, outro por mor da Covid-19. A urbe ao redor da cal orbitamos tamén mantén as actividades previstas e mesmo vai comezar co alumeado de Nadal. Curiosidade, os catro alcaldes son do mesmo partido.

Desinformación. Coido que esta é a situación. Os datos sobre a Covid-19 abren os telexornais e a prensa escrita, chegan por correo, whatsapp, redes sociais... É coma se estivésemos nun túnel onde non podemos ver outra cousa. Ou coma se estivésemos tan cegos como relatou Saramago. Mais fóra do túnel hai máis información, outras enfermidades e pandemias que deseñan con claridade o escenario ao que nos enfrontamos, mais non vemos. Un mundo que se deteriora en progresión xeométrica e ao que non prestamos atención, malia estar aí a orixe das pragas que ameazan “a nosa normalidade”.

Desamparo. Velaquí a única conclusión posíbel. Despois de meses en que podemos comprobar como o que importa non é a saúde das persoas, senón os minutos de telexornal en campaña, manter un réxime económico que se sustenta na hostalería e no turismo e deixa de lado o sector primario, seguir privatizando servizos como o de rastrexadores da pandemia ou non investir un euro na nosa seguridade e presentar como boa xestión a ausencia de acción (falo do ensino, por suposto); chegamos ás portas de setembro coa sensación de que nos envorcan na realidade sen máis equipamento ca unha listaxe de recomendacións irrealizábeis.

Empúrrannos contra o túnel, sen compás, á procura dunha luz, que aínda non albiscamos.

Comentarios