Opinión

Nasal velar sonoro

“Chaman ao timbre. Voces de nenos que venden rifas. Fágolle dúas preguntas e responden o mesmo ás dúas. Non me entenden.

Saio.

El.- Ola profe (non lle dou clase, pero é alumno do instituto).

Eu.- Ola. E logo ti non entendes o galego? (pon cara de non) Onde vives?

El.- En Gondomar.

Eu.- E entón?

El.- Pero es que yo soy de Bayona.

Eu.- Ah! E logo alí que falades? Inglés?

El.- No, pero somos más de castellano.

Ai! Canto traballiño por facer!”

Hai uns días compartía esta anécdota nas redes sociais. E desde ese día non paro de lle dar voltas. Foi como a pinga do vaso que reborda. E mira que vai facer falta ter paciencia, porque vai haber máis pingas e van seguir caendo neste vaso que xa non pode máis.

Eu querería estar errada nas miñas percepcións. Gustaríame tanto que me demostrásedes que non teño razón!

Mais vou acumulando sinais. Cada mes, cada semana, ás veces cada día.

Xa o ano pasado vin a luz de perigo a acenderse na miña cabeza cando lle pedín a unha alumna que lese en voz alta. Tiña os erros habituais, lía coa cabeza e non cos ollos e poñía no texto palabras que non estaban así escritas, demostrando a presión do español no seu espazo léxico. Non pronunciaba correctamente o fricativo palatal (o “X” de xente ou xa), mais iso, nesta microsubárea do Miñor, pode ser dialectalismo. Pero cando comprobei que tampouco era quen de pronunciar o nasal velar sonoro (o “NH” de unha) entón alarmeime.

Eu son da opinión de que ser español falante non impide ter unha fonética aceptábel cando se fala galego. Sempre lembro o primeiro día de clase na Facultade de Filoloxía de Compostela. O profesor fíxome saír á tarima e ler un texto para os meus compañeiros e compañeiras e sorprendeume comprobar que, malia ser eu unha neofalante inexperta, reproducira meticulosamente todos os trazos dialectais fonéticos que me eran propios, até a ultracorrección do “X” que daba idea da miña consciencia e pavor naquela situación.

Mais, trinta anos despois, ese instinto fonético esváese e, un día tras outro, corrixo a pronuncia do meu alumnado e, ás veces, teño que insistir para que consigan reproducir o nasal velar sonoro, ese fonema que define o noso xeito de falar e que serve de radar para recoñecer as persoas que non son galegas.

Que está sucedendo?

Pois que os prexuízos que pexaron a nosa lingua seguen vivos. Así o constatei coa rapazada nestas semanas en que tiveron que realizar un pequeno traballo de sociolingüística e fixeron de entrevistadores das súas propias familias. O resultado foi que os vellos prexuízos seguen entre nós:

O galego é a lingua da casa.

No médico falan español.

Cos fillos e coas fillas falan menos en galego do que o usan no ámbito doméstico.

A diglosia e a ruptura da transmisión interxeracional aínda tan presentes, aínda tan daniñas.

Cando lle preguntei ao alumnado de 2º da ESO por que non falaban en galego ou por que non o falaban en determinados contextos, case reconstruíron intuitivamente a clasificación dos prexuízos lingüísticos que Freixeiro Mato realizou nun artigo de 2008.

E máis.

Cando xa tiña todo o encerado ocupado coas seis caixas que sintetizaban os prexuízos engadiron:

Porque a maioría das materias son en castelán.

E eu escribín algunhas palabras desta conclusión en maiúscula.

E fiquei pampa coa súa capacidade de análise. Orgullosa.

Como orgullosa estou das palabras que me foron deixando nos seus traballos na valoración persoal dos resultados. Ou de como se implican, a maioría, neste debate, nas tarefas que artellamos para reflexionar sobre “este breve ronsel que deixaremos nós”.

Esta sensación agridoce e a esperanza e o desexo de seguir sementando futuro

Comentarios