Opinión

Mirar polo noso

Gostei moito do artigo de Alexandre Peres Vigo do pasado 25, "Un país sen estatuas de seu". De feito, se pasastes por el reparando tan só no titular, como tantas veces facemos, apresurados tentando dar unha ollada rápida á toda a actualidade, recoméndovos que volvades atrás e leades o artigo con atención.

Ao rematar de lelo, volvín pensar no Cabaleiro orante de Francisco de Moure. Sospeito que poucas persoas saberán a que peza me refiro. Quen visitase a "Escolma de Esculturas" do Arqueolóxico de Ourense seguramente lembrará a peza, para min singularísima polo seu realismo e capacidade de reprodución de todos os detalles do físico e da vestimenta do cabaleiro. Tallada en madeira de nogueira a peza pertence ao século XVII e foi realizada por Francisco de Moure.

O mosteiro de Meira, as Catedrais de Ourense e Lugo e igrexas de Vilar de Sandiás, Beade, Samos ou Monforte, onde faleceu, contan con pezas de quen é considerado un dos máis importantes escultores da época.

Mais quen era o Cabaleiro orante? Finalmente foi identificado como Fr. Fernando Manuel de Ludueña, cabaleiro da Orde de Malta e Comendador de Beade, Ribadavia e Mourentán, e quen contratou a Moure para a realización de diversas obras na Igrexa de Beade no ano 1608, encargando el mesmo a escultura de nogueira que o retrataba.

Mentres contemplaba a escultura en vivo, mentres escribo sobre isto, penso en cantas cousas nos foron negadas e arrebatadas. Esta peza, por exemplo, é simbólica tamén nese sentido, pois a finais do século XX xa non estaba no lugar en que a describiran Chamoso Lamas e Otero Pedraio, senón nun anticuario de Madrid que a puxo á venda indicando a súa autoría. Alí a comprou a Xunta en 1996 e, grazas aos que sobre ela escribiron deixando constancia da súa singularidade, podemos gozar hoxe da súa contemplación, sabela nosa e marabillarnos e preguntarnos como a igrexa da pequena vila de Beade acollía unha tan valiosa obra.

Outro exemplo do importante que é mirar polo noso e recoñecernos.

Comentarios