Opinión

Micro?machismo

A carga é pesada. Levámola sempre ás costas, porque os anos avanzan e o problema permanece.

Dóenos a realidade, desta volta as imaxes das nenas desaparecidas. E unha vez máis declaramos que cómpre rematar coa violencia. Reflexionamos e formámonos e formamos. Participamos en campañas, días internacionais, actividades institucionais…

Mais, a pesar de todo, a violencia permanece. É un iceberg que funde as súas raíces nos actos menos sospeitosos, alí onde unha muller queda soa reclamando a súa dignidade, o seu dereito a non ser tratada de acordo cos parámetros que deseñaron os homes para manternos no “noso” lugar. Cada día, cada hora, todas e todos nós asistimos a eses pequenos actos en que non reparamos ou que deixamos pasar, cun medio sorriso condescendente, convencéndonos de que non había mala intención, que foi o hábito, que se o reflexiona xa se decata, xa rectifica.

Mais cada día tamén, de certo que tamén a cada hora, outra muller se sente soa reclamando a súa dignidade, mentres outros rebaixan a importancia de determinados feitos e outras permiten que sucedan co seu silencio ou mesmo coa súa incomprensión: “é que xa non se pode dicir nada”.

Os micromachismos amoréanse até se converter nunha estrutura compacta, durírisma, de grande volume que acaba por rebordar coma un iceberg e saír á superficie, deixando á vista todas as consecuencias indesexábeis. Micromachismos que continúan a estar normalizados, tamén polos que se declaran concienciados, celebran as datas sinaladas e acoden a actos institucionais. A política da tolerancia co “socialmente habitual” convértenos a nós en “feministas histéricas” por poñerlle nome aos nosos sentimentos, á nosa opresión e reclamar a dignidade que como humanas merecemos. Mentres, unha clase “patriarcalmente” acomodada camúflase no politicamente correcto e esboroa todo o traballo de necesaria transformación social que esta metade da humanidade merece.

E quen cala, contribúe a illar a quen ousa evidenciar a base do problema.

Comentarios