Opinión

Menopáusica

“Non me vencerán estes humores xogando nos meus ovarios, subindo e baixando coma se eu fose un parque de columpios.” Recollo esta cita do único texto en prosa do libro Lume son, apartado e espada posta lonxe, co que Gioconda Belli acadou o premio internacional Cidade de Melilla no ano 2006. Volvín a el ao ler sobre a conmemoración do Día internacional da acción pola saúde das mulleres, dedicada este ano á menopausa.

E é que, cando lin este libro de Belli, situeino nese momento da vida da autora e concluín que a súa obra acabada de facer un percorrido poético polas idades da muller, desde aquel “as mil e unha cousas que me fan muller todos os días” de O ollo da muller.

Anos máis tarde, cando a entrevistaron tras a publicación da novela A intesa calor da lúa, 2014, declarou que era “moi revolucionaria porque é sobre o tabú da madurez feminina, da menopausa, da que apenas se fala. Pénsase que chegada a ela a muller vai rematar, que ao perder a capacidade de reproducirse perde o sentido da súa vida e ao ir desaparecendo a beleza xuvenil comeza a ser desprezada socialmente.”

De tal xeito é así que dicir menopáusica resulta tan insultante como dicirlle a unha muller se ten a regra. Estigmas de xénero contra nosoutras, marcándonos para excluírnos desde o pecado orixinal.

E non hai inocencia.

Até o nome desta fase vital carga consigo o peso da vergonza. Chamámoslle menopausa, literalmente, a pausa dos meses, unha denominación figurada para esquivar a palabra sangue, e toda a sucidade que se lle atribúe.

Vivimos envoltas nesta mitoloxía do sangue que non pode ser pronunciado... Seica xa Plinio o Vello dixo que os seus vapores eran velenosos e estragaban o viño. Vade retro! Sería ese noso sangue velenoso o que bautizou as pobres donicelas, elas tamén obxecto de lendas ofensivas?

Mentres, os nosos padecementos son obxecto da menciña e non da medicina e os nosos corpos, tan utilizados e sobados para outros fins, esquecidos na investigación e nos avances científicos.

Comentarios