Opinión

Meirás

Estaba vendo a repetición do Luar, esa sección en que diferentes persoas defenden unha década musical. Tocáballe a Teté Delgado, defendía os 80 e interpretou o mítico “Miña terra galega” de Siniestro Total. Hai un momento en que a letra di: “... A liga armada galega e o pazo de Meirás, de Meirás”. Mais Teté Delgado modificou a letra e despois de dicir Meirás berrou: “que xa é noso!” Aí, cantando a Siniestro e en horario de máxima audiencia.

Máis alá da anécdota, creo que o que acabo de contar representa o calado que ten na sociedade galega o destino das Torres de Meirás e o desexo de que, efectivamente o lugar sexa noso e poder resarcirnos das feridas que nos abriu a propia ocupación dos terreos e o edificio e todo o que simboliza na nosa memoria colectiva.

Este sábado a Iniciativa Defende Meirás convoca unha manifestación alí e, como xa anunciou, non renuncia a que esa manifestación poida entrar no propio recinto, algo que debería ser posíbel en tanto en canto mudou o propiedade do lugar e debería ser efectiva a posibilidade de acceder ao seu interior para todas e todos en calquera circunstancia. Mais en Meirás a historia vai moi lenta, lembremos que a declaración de Ben de Interese Cultural foi en 2009, nese intervalo de catro anos en que non gobernou o PP e a Consellaría de Cultura lle correspondeu ao BNG, que foi quen o propuxo.

Lenta e temerosa, por iso cómpre facer visíbel o noso desexo e a necesidade de facer xustiza coa memoria dos nosos, até co propio espazo, que carga coa nefasta lousa de ter sido a residencia oficial dun ditador fascista, o lugar en que se reuniu o seu goberno, un símbolo do seu poder á forza.

É moita hora de que nós, o pobo que sufriu a represión e viu como asasinaban os seus, poidamos sentir que temos un lugar na historia e que nos devolvan a dignidade de sermos os descendentes dos derrotados, que o tempo coloca a cada quen no seu lugar e chegou o día de que os nosos avós camiñen canda nós polos lugares que lles foron roubados.

Comentarios