domingo 24/10/21

Médicos non, pero curas si

Dóeme un xeonllo. Unha dor insidiosa que me fai asaltar o botiquín na procura dun analxésico. Porén, cando a dor non deixa durmir é hora de pedir cita médica. Mais, nos tempos que corren, unha levanta a tampa do ordenador e busca o enlace co Sergas vencida de antemán, porque imaxina o que sucede de certo: o profesional non dispón de ocos nas datas seleccionadas, e non consegues cita até unha semana, dez días, quince días despois... Enferme vostede con preaviso. E entre tanto? Consultas o doutor Google e buscas arriba e abaixo para ver que músculo, tendón ou ligamento é o que non te deixar durmir e botas man dun deses antiinflamatorios que anuncian na televisión. Xusto o que non debe facerse, segundo nos din: buscar en internet, automedicarse.

Mais todo pode ser peor. Podes non ter médico. Pode ser que no teu centro de saúde falte a metade do cadro de médicos porque se acaben de xubilar ou lles desen un traslado, dúas situacións non sobrevidas e que, por tanto, poderían ter sido previstas con antelación. Non? Pois non, porque desde mediados de maio estás sen médico.

Pero iso si, os curas que non falten, o Sergas vai seguir pagando 700.000€ a 52 curas, tratándoos coma se fosen persoal propio e desoíndo a sentenza do TSXG. Rece vostede que médico non vai ter.

Así que seguimos a automedicarnos mentres controlamos a ira ao falar cos profesionais que aínda quedan no Centro de Saúde. Non é a súa culpa.

Haberá que pedir unha folla de reclamacións para cubrilos de queixas pola falta de médicos e esixir a atención debida. Resistir ou presentarse en urxencias, pois detrás destes recortes está a intencionalidade de desviarnos á privada, de inflar as súas consultas e os contratos cos seus seguros, e a iso non se presta a filla de miña nai.  E sobre todo, acudir ás mobilizacións cando nos convoquen e tomar nota das posicións políticas ante estes recortes e lembralo cando ao ir votar nas seguintes eleccións. Dirán que estamos en pandemia, nós non temos que dicir que chove.

comentarios