Opinión

A medicina que nos nega

Esta semana os medios pásmanse ante a nova de que as consecuencias negativas das vacinas afecten ás mulleres nun 80%. O que debería sorprendernos realmente é que a día de hoxe sigan facéndose investigacións biomédicas sen perspectiva de xénero.

Tardamos centos de anos en ser obxecto de investigación. Poñamos o caso das enfermidades coronarias, o infarto, do que xa sabemos (sabemos?) que varía a sintomatoloxía. Unha asómbrase de que non fose até 1991 cando comezaron a incluír mulleres nas mostras de análise e iso cando hai constancia, científica, de que as mulleres morren máis por estas doenzas. Non, non temos o corazón máis débil, nin máis sensíbel. É que non nos saben recoñecer os síntomas e de aí deriva a maior mortalidade. Incríbel, non? Dádelle a volta, que sucedería se os homes tivesen unhas taxas de mortalidade por infarto de miocardio incrementadas polo descoñecemento de como lles afecta a enfermidade?

Desa realidade partimos, de que unha parte da humanidade, as mulleres, sofre máis enfermidades coronarias, dinos a endocrinóloga Carmen Valles que a dobre xornada que todas temos é un factor de risco, e ademais morre máis desas enfermidades por carecer dunha descrición médica axeitada da sintomatoloxía. 

E chega a pandemia e todo segue igual. Invisíbeis ou case desaparecidas do estudo da enfermidade. Este mes, a revista Nature Communication publicou un artigo en que analiza 4.420 estudos dos que só 178 (o 4%) teñen en conta expresamente o xénero das persoas. Acaso as mulleres temos unha menor incidencia da enfermidade? Non! O artigo comeza dicindo xusto o contrario, que somos nosoutras as máis afectadas pola enfermidade, pola mortalidade da enfermidade e até polos efectos secundarios das vacinas. E aínda así o 96% dos estudos realizados non nos teñen en conta? 

Non é un chiste. O caso é que non nos estudan, non saben como nos afectan as cousas e, cando reclamamos atención médica, dinnos que nin a COVID, nin a súa vacina producen iso.

Que teima en negarnos.

Comentarios