Opinión

Lingua e ciencia

Esta sociedade está cada vez máis deshumanizada. Non me refiro a que perdamos os valores que nos definen como humanidade, que tamén, senón a que o que comunmente denominamos “Humanidades” está cada día máis desvalorizado e, mesmo, desprestixiado.

Hai anos que asisto con preocupación ao crecente desdouro das materias denominadas Humanidades que comunmente adoitan ser consideradas como non científicas, aplicándolles unha acepción reducionista do vocábulo ciencia. Mais ciencia non é só a denominación común dun grupo de disciplinas que teñen na expresión matemática a súa linguaxe. É tamén a metodoloxía que empregamos para desenvolver unha materia, a aplicación do método científico: observar, analizar, formular hipóteses, verificalas.

Por iso cómpre aclarar que as humanidades tamén son ciencias. Que a lingua que falamos está sometida a ese método científico para elaborarmos con ela unha gramática que nos permita utilizala con corrección. E que dicir do estudo da evolución dos usos do idioma a través do tempo, a realización do traballo de campo, a análise dos resultados, a elaboración da triste hipótese, a pescuda de alternativas de mellora.

O menoscabo que sofren hoxe as Humanidades incide na nosa relación coas linguas e, o que máis nos importa, no incremento da minorización do noso idioma. Afirmo isto porque finalmente sometemos a lingua de noso ao parámetro da utilidade, calculada esta en número de persoas coas que podemos interaccionar e fronteiras que nos permite traspasar.

O sentimento de pertenza a un pobo ou o amor polo legado dos devanceiros carece de valor neste perverso contexto utilitarista ao que chega a intelixencia artificial para substituír a nosa capacidade creativa.

Unha forma de entender a ciencia que nos invisibiliza ás xentes de humanidades, cando mesmo nós botamos man desa ciencia e dos seus métodos para demostrar con espectrogramas, por exemplo, que o conflito lingüístico en que vivimos está a modificar non só o uso, senón a propia lingua.

Comentarios