Opinión

Lingua de Domingo

Nesta semana en que celebramos o Día das Letra, as tristes novas do ingreso no hospital e falecemento de Domingo Villar foron atendidas polos medios de comunicación con sede en Galiza e fóra dela. Moitos destes medios sinalaban que Domingo Villar era un dos principais representantes do 'boom' da novela negra en Galiza. Eu o que agora lembro foi a ledicia que causou comprobar o incremento de lectores que as súas novelas significaron para a nosa lingua. E envío este feito coas palabras que recollía Manuel Xestoso no seu artigo deste xoves, as súas novelas eran historias de amor a esta terra e a este pobo. Até aquí o que cabe agardar cando perdemos un escritor de noso.

Mais, como xa acontecera no seu día no pasamento de Mª do Carmo Kruckenberg un 16 de maio, nin sequera en datas coma estas, os mesmos xornais que se gaban da proxección do papel xogado pola obra de Domingo Villar, escrita en galego e enmarcada en Galiza, teñen a falta de pudor de falar do escritor usando a lingua en que non escribiu, vulnerando así a súa vontade e o seu legado lingüístico.

Son os mesmos medios que reciben substanciosas subvencións da Xunta polo "uso do galego", un uso moi, moi escaso e ritual. O seu esforzo é o de publicar a portada en galego o Día das Letras. Máis alá diso, agás pola vontade dalgúns dos seus colaboradores nas páxinas de opinión, a lingua de noso brilla pola súa ausencia, mesmo cando se dá a nova do falecemento dunha figura das nosas letras.

Falta de respecto. Galegofobia. Ou no tecnolecto de Leo Caldas, intento de homicidio con premeditación e aleivosía. Ou acaso a estas alturas da historia non sabemos que cada vez que non usamos a nosa lingua estamos a contribuír coa súa minorización?

Logo está o método da deturpación obscena e reincidente de quen usa tempos compostos ou barbarismos que farían rir, se non fose polo escandaloso do lugar e o momento en que se producen. "Atalodeagora" repite alguén na radio. E eu fico tan pasmada que non sei nin como escribilo.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios