Opinión

Lectoras vs. escritores

A finais do ano 2022, o INE publicou os resultados do censo de 2021 e nestes días lemos xa varias análises sobre a confirmación do incremento da perda de falantes, desgraciadamente agardábel cando os responsábeis da normalización do noso idioma se negan a ver a realidade. Por outro lado, os datos sobre coñecemento do inglés confirman o que moitas de nós denunciamos no seu día, o trilingüismo era unha manobra para reducir a presenza do galego no ensino. E nesa liña seguen, agardando a que a liña que nas gráficas marca a tendencia siga descendendo, velaí a súa política.

Mais hoxe quería falar do libro. O INE publicou tamén un Anuario de estatísticas culturais. Nela podemos ver cal é a porcentaxe de persoas lectoras, se len en papel ou pantalla e cal é o xénero literario que máis se le, a novela, a moitísima distancia (73,2%) da poesía (4,6%) e do teatro (2%).

En canto aos datos da lectura, desagregados por territorio, Galiza ficou dous puntos por riba (63,9%) da media do Estado (61,7%), unha porcentaxe que se incrementa se nos remitimos aos datos en papel (60,8% Galiza, 57,8% media do Estado). Así que, nesa clasificación encabezada por Aragón, Galiza ocupa o sétimo posto, o quinto cando falamos de libro en papel. Ben.

E agora, a seguinte pregunta é: quen le máis? As mulleres ou os homes? Pois si, acertastes, nosoutras somos as que lemos e neste último ano distanciámonos sete puntos (lectoras 65,1/ lectores 58,1). Para este parámetro non temos os datos desagregado por territorios, mais non ha ser moi diferente. Ben.

Cabería agardar que, sendo as que máis lemos e sendo máis da metade da poboación, tamén fósemos máis as escritoras cós escritores... e alguén vai pensar que si, pero non. Non porque dos libros publicados no Estado foron escritos por mulleres o 37,9%. Mal. Porén neste apartado, hai un dato para reflexionar. Esta porcentaxe descende a 36,4% se a publicación é en formato papel, e sobe a 41,3% se é en formato electrónico. Ocórresevos algunha explicación?

Comentarios