Opinión

Imperialistas amargados

Este verán os conflitos lingüísticos creados por algúns turistas españois na Galiza parece que se  incrementaron e chegaron mesmo á prensa doutras latitudes, que soubo gozar da retranca de noso ante as manifestacións de negacionismo lingüístico desta especie de imperialistas amargados.

Os pobres carecen dunha formación humanística en lingua latina que, por exemplo, abra as súas mentes ás linguas romances irmás do seu español. Mentres outros somos quen de ler e interpretar as cartas dos restaurantes en italiano, sardo ou catalán, sen ter estudado esas linguas, eles sofren a incomunicación mesmo con palabras idénticas ás súas, por estaren ao lado das exclusivamente galegas. Son os mesmos que atravesan os aeroportos berrando na lingua de Isabel a Católica, incrédulos de que non lles falen na súa lingua en Lisboa, por exemplo, onde tamén reinou un Filipe.

A maioría das persoas viaxamos para descansar, para coñecer novas latitudes, descubrir outras culturas, en definitiva, para nos enriquecer alargando o noso coñecemento. Mais esta especie en particular é desa caste de persoas que non mostran curiosidade por coñecer outras culturas, linguas, músicas, danzas, deportes, gastronomía, patrimonio, arquitectura, paisaxes... Foxen do coñecemento como se dun virus se tratase e parapétanse na súa máscara particular, unha bandeira bicolor, presente en todos os complementos que levan, coma se fosen os soldados que portan o estandarte á fronte do exército invasor. Porque eles viaxan para revisar os dominios do emperador que non vía o pór do sol e naufragan na comprobación de que daquel imperio xa só quedan unha miserábeis ruínas que non dan impedido que abrollen os pobos que tentaron sepultar. Eles, que sempre se consideraron invencíbeis, como aquela infausta armada.

É a constatación da ignorancia cultivada no interior dos seus alcázares e do fracaso que xa lles advertira Castelao.

Cada vez que saen da súa fortificación lingüística, transfórmanse en imperialistas amargados.

Comentarios