Opinión

Iguais?

Por sorte non me sinto española. Así que cando leo a constitución, aínda que sei que estou obrigada a cumprila, percíboa como algo que me é alleo. E como vai reaccionar unha galega cando lle impoñen a indisolubilidade da nación española? (Nota: reparemos en que a constitución comeza facendo un uso particular do termo nación que adoita considerarse como comunidade cunha lingua, cultura e historia propias). Logo está a obriga de coñecer o español, mentres a nosa lingua é "obxecto de especial respecto e protección", o que se traduciu na asimetría de que non temos o deber de coñecela, segundo dixo o tribunal constitucional.

Podemos seguir con incumprimentos flagrantes. Por exemplo, o artigo 35, que regula o deber de e o dereito ao traballo. Ou mellor, releamos o artigo 47, en que se recolle o dereito a "gozar (ese é o verbo empregado)" dunha vivenda digna e axeitada. É máis, segue dicindo que este dereito debe ser garantido polos poderes públicos que traballarán para impedir a especulación.

Esmendréllome. A estas alturas xa non sei se estou lendo un panfleto cómico que fai un alarde de ironía. Aínda que non debe ser, vista a forma en que invocan este documento certos partidos.

Mais eu prefiro tomalo a broma e rir. É a miña maneira de protexerme para non caer nun cabreo monumental. Porque, vexamos, a tal constitución que determinados partidos nos lembran reiteradamente ten un artigo 14. Nada, un detalliño sen importancia, unha lilaina. Que seica que "os españois son iguais ante la lei". Si, si, iso di. Non me diga lectora que non o cre. E logo como non? É máis, até di "sen que poida prevalecer discriminación ningunha por razón de nacemento, ...". Caramba, está claro non? Si, si, tan claro coma o artigo 56.3: "A persoa do rei é inviolábel e non está suxeita a responsabilidade". Vaia, isto parece unha excepción por razón de nacemento.

Ao final do documento aparece a firma dun rei que acaba de pasar por unha investigación penal. Non lles lembra isto un refrán?

Comentarios