Opinión

Guerra

Almorzo e escoito as noticias. É un hábito de sempre. Hoxe reteño dúas frases: “o peor escenario desde a segunda guerra mundial”, “estamos en guerra”. Emitíronas Merkel e Sánchez, respectivamente. Afirmacións esaxeradas ou intencionadas?Sexa como for, mentres as escoitaba daba voltas ao artigo desta semana. Falar de novo da pandemia? Alguén quererá ler sobre isto outra vez? Serei eu quen de escribir outra cousa?

Bebo café. Na cabeza bolen estas ideas e cando oio a palabra guerra recupero mentalmente os datos ofrecidos por Alberte Blanco na súa colaboración.Estes días somos a pelota que van baqueteando a golpe de informativo e mensaxe de whatsapp. Permanecemos pegadas a pantallas que oscilan entre rumores e datos estatísticos que comezan a non complementarse. Aos poucos, imos comprobando, vannos convencendo de que isto só acaba de comezar. De que faltan aínda semanas. De que non chegou o peor.

E neste río revolto, cada quen fai o seu negocio. Reis que aproveitan para dar unha información que vale por unha abdicación e non poden evitar as “cazoladas” convenientemente filtradas polo noticieiro oficial. Presidentes que atoparon a fórmula maxistral para coarse nas casas á hora de comer e pronunciar a palabra eleccións veña ou non ao caso...

Escenarios de guerra. O exército na rúa. O material de prevención confiscado en centros de traballo. Escaseza de material sanitario. Empresas que mudan os seus produtos para se adaptar á nova situación. E os que faltan por chegar. As ringleiras e o desabastecemento de hoxe, deixará de ser unha anécdota para se converter nunha realidade cotiá? Cal é o horizonte?

Información. Desinformación. Contrainformación. Confinamento. Exército. Nodo. Ringleiras. Desabastecemento. Racionamento.

Mais a esperanza existe. É a nosa capacidade de resistencia e de traballo. Desde as aldeas, pegados á terra, convivindo cos ciclos climáticos, guiándonos polo devalo da lúa, polas témporas, veremos saír o sol, agromar as sementes, florecer as cerdeiras.

Comentarios